Entrevista exclusiva a Sara Reboredo, xogadora do equipo Ambílokwoi de Fútbol Gaélico

A verdade é que foi de casualidade, eu nunca escoitara falar do fútbol gaélico; unha amiga descubriu a equipa en Vigo e comezou a xogar con eles, convenceume para ir probar a adestrar, e ao final encantoume
Por o 09/11/2016 | Sección: Deportes,Entrevistas,Fútbol Gaélico,Vigo
Entrevista exclusiva a Sara Reboredo, xogadora do equipo Ambílokwoi de Fútbol Gaélico

Hoxe Noticias Vigo entrevista en exclusiva a Sara Reboredo de 23 anos, xogadora do equipo Ambílokwoi de Fútbol Gaélico.

Para comezar a entrevista. Poderías contármonos de onde veu a motivación para xogar ao Fútbol Gaélico?

A verdade é que foi de casualidade, eu nunca escoitara falar do fútbol gaélico; unha amiga descubriu a equipa en Vigo e comezou a xogar con eles, convenceume para ir probar a adestrar, e ao final encantoume.

– Que é para ti a Liga Gallaecia, cantas equipas a forma?

Para min é un medio para facer deporte, coñecer xente nova e sobre todo pasalo moi ben. Agora mesmo está formada por 6 equipas, Ambílokwoi de Vigo, Suevia de Compostela, Afiadoras de Ourense, Torques de Lugoslavia de Lugo, Condado de Salvaterra e Cascarilha da Coruña; pero hai unha equipa da Guarda e outra en Pontevedra que están en proceso de unirse tamén, esperamos contar con eles para a tempada que ven xa.

– Que é para ti o Ambílokwoi?

Somos unha pequena gran familia. Nesta equipa coñecín a xente que máis que compañeiros de xogo xa son amigos, dos de para toda a vida.

– Porque escolliches o Gaélico mixto?

Gústanme os valores que defende, podemos xogar perfectamente xuntos homes e mulleres, cas mesmas normas e condicións. Por exemplo, no fútbol gaélico feminino utilizan balóns mais pequenos, e regras diferentes de xogo ás do masculino: as mulleres poden coller o balón directamente do chan coas mans, mentres que os homes o teñen que levantar co pé.E non considero que sexa necesario facer esas distincións, xa que somos igual de capaces de facelo.

– Tedes moitas trabas para poder practicar este deporte?

Máis que trabas, non temos recoñecemento. Agora que o gaélico está en auxe na Galiza e empeza a saír nos medios de comunicación, nunca se fala da nosa liga en ningures.

– Cres que é un deporte difícil?

Ao principio pode parecelo, pois ten moitas normas. Combina moitas características doutros deportes, como o bote de baloncesto ou o paso de voleibol; pero unha vez lle colles o truco non é tan complicado. Coma todo, con práctica se consigue.

– Que cargo desenvolves dentro da túa equipa?

Agora mesmo son a capitá e presidenta, en substitución das anteriores capitá e presidenta que están ausentes.

– Existe compañeirismo e bo ambiente entre as xogadoras e xogadores da túa equipa e en xeral na Liga Gallaecia?

Tanto na nosa equipa, coma na liga hai moi bo ambiente, a rivalidade queda no campo.

– Poderías explicarnos os distintos “tempos” que existen no Futebol Gaélico?

Pois están o 1º e 2º tempo, que son a primeira e segunda parte do partido. E despois temos o 3º tempo, no que ao rematar, as equipas xúntanse despois de xogar, para comer e beber algo e confraternizar entre elas. Normalmente o terceiro tempo organízao a equipa local.

– Que é o máis salientábel da Liga Gallaecia?

Creo que aparte do bo ambiente que temos entre as equipas, o carácter mixto da liga é o mais salientable. Ademais, ás veces organizamos xornadas conxuntas nas que xogamos tódalas equipas e que coincide co Entroido en Ourense, por exemplo, ou no San Froilán en Lugo. Así, alén de facer deporte, tamén aproveitamos as festividades galegas por todo o país.

-Que destacarías do Ambílokwoi que non teñen outras equipas da Liga Gallaecia?

Pois a parte de ser os campións dos terceiros tempos, destacar tamén as nosas seareiras, que nos acompañan a todos os partidos e son una parte máis de Ambílokwoi.

Como te sentes cando gañas un partido, e cando perdes?

Coma en todo hai que saber gañar, e saber perder. Está claro que xogamos para intentar gañar, e para iso adestramos , pero o obxectivo principal é pasalo ben.

– Cales son os teus obxectivos individuais como xogadora do Ambílokwoi?

Pois este ano intentar recuperar o trofeo da Liga Gallaecia, que foi noso durante dous anos consecutivos, e o ano pasado gañárono os do Condado.

– Cales son os teus obxectivos a conseguir como membro da Liga Gallaecia?

Intentar que a nosa liga saia adiante e que o número de equipas vaia crecendo polo país. E tamén teña mais recoñecemento e que se dea a coñecer.

– Que lle dirías á xente que ten curiosidade por este deporte?

Que se animen a xogar, que todo o mundo que proba se queda.

-Que días adestrades?

Estamos adestrando soamente un día a semana, os luns ás 9.30 da noite, pero estamos intentando
organizarnos para adestrar dous. Agora os adestramentos son en Mos, mais sempre organizamos coches dende Praza América ou a Praza dos cabalos para ir ata o campo.

-Algo máis que nos queiras destacar?

Pois insistir en que a xente se anime a probar, que ademais de coñecer un deporte novo, coñecerán ás persoas tan marabillosas que formamos parte desta liga.

Moitas grazas por dedicarnos o teu tempo, esto é o Fútbol Gaélico, Noticias Vigo estará dando cobertura para ir dando a coñecer este deporte fermoso.