EQUO denuncia a opacidade do Concello de Vigo en materia de xestión de residuos

Por o 25/11/2014 | Sección: EQUO,Política
EQUO denuncia a opacidade do Concello de Vigo en materia de xestión de residuos

Hoxe fai exactamente dous meses que solicitamos no Concello unha serie de datos relativos á xestión dos residuos na cidade olívica. Hai uns días pasamos polo Concello para interesarnos polo estado da nosa solicitude e só recibimos evasivas.

En EQUO consideramos que os datos ofrecidos polo Concello de Vigo en materia de xestión de residuos son claramente insuficientes. No canto de procurar a implicación da cidadanía no esforzo por reducir a cantidade de residuos xerada e por mellorar a xestión, atopámonos cunha opacidade case absoluta:

http://hoxe.vigo.org/movemonos/limpeza_organica.php?lang=gal.

É por iso que presentamos no rexistro do Concello unha listaxe de preguntas (achegamos escrito). Dunha parte, interesámonos polos aspectos económicos desta cuestión: que gasto supón exactamente o acordo con SOGAMA?, que ingresos supón para o Concello a recollida selectiva das fraccións reciclables? Doutra parte, preguntamos polas rechamantes ausencias: por que só existe un “punto limpo” nunha cidade de case 300.000 habitantes?, por que non se aposta decididamente por programas de compostaxe que reduzan notablemente o custo e a pegada ecolóxica do actual modelo (aproximadamente un 40 % dos residuos son orgánicos e, polo tanto, compostables)?

Desde EQUO entendemos que a xestión do lixo é moi mellorable e que o Concello debería apostar por un modelo de proximidade, máis sostible tanto desde o punto de vista económico coma ecolóxico e social. Máis sostible economicamente porque unha recollida selectiva eficaz ten o potencial de converterse nunha fonte de ingresos pola venda dos materiais obtidos e non só nunha fonte de gastos e porque unha aposta pola redución dos residuos implicaría unha evidente redución do custo; máis sostible ecoloxicamente porque reduciríamos notablemente o envío diario de trens cargados de residuos (para a súa incineración na planta que Sogama ten no concello coruñés de Cerceda); e máis sostible socialmente polo seu potencial de crear emprego e de lograr unha maior participación cidadá nesta materia.

PRENSA EQUO PONTEVEDRA

Noticias de última hora en Vigo