Feijóo garante o compromiso da Xunta para seguir configurando en Galicia “un ecosistema” favorable á innovación e ao emprendemento

“Un ecosistema baseado nos consorcios de innovación nos que participen as grandes empresas, as pemes e os centros tecnolóxicos, co decidido apoio da Axencia Galega de Innovación e da Xunta”, abunda.
Por o 16/11/2016 | Sección: Emprego,Vigo,Xunta de Galicia
Feijóo garante o compromiso da Xunta para seguir configurando en Galicia “un ecosistema” favorable á innovación e ao emprendemento
Compartir en:

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso do Goberno galego para seguir configurando “un ecosistema” favorable á innovación e ao emprendemento; “un ecosistema baseado nos consorcios de innovación nos que participen as grandes empresas, as pemes e os centros tecnolóxicos, co decidido apoio da Axencia Galega de Innovación e da Xunta”, abundou.

Nesta liña, afirmou que a inauguración do Spain Technical Center do Centro de Produción BorgWarner, na factoría STC BorgWarner, é unha boa proba de que a innovación fai crecer Galicia, “porque estamos a falar –aseverou- non só dun centro de I+D que nos fai máis competitivos e que xera postos de traballo, senón dun centro que axuda a casar progreso e medio ambiente e que contribúe a xerar valor engadido do que se beneficia o noso tecido empresarial”.

Logo de lembrar que Borgwarner é un dos fabricantes de compoñentes para o sector da automoción en Galicia que máis inviste en innovación e desenvolvemento, atopando o apoio para facelo con programas como o de unidades mixtas de investigación, Innterconecta ou Conecta Peme, o titular do Goberno galego subliñou que este novo centro reflicte o compromiso desta factoría co desenvolvemento de tecnoloxías que melloren a eficiencia no uso de combustible dos motores e a redución das emisións contaminantes. Non en van, ata o momento xerou 49 patentes para solucións innovadoras no ámbito das emisións.

Innovación e coas miras postas no futuro

Durante a súa visita, Feijóo subliñou que con innovación e coas miras postas no futuro, o sector automobilístico galego conseguiu que se vaian fabricar en Vigo dous novos modelos do Grupo PSA que suporán un investimento de 3.000 millóns de euros e carga de traballo garantida para unha década; e que a industria de compoñentes reduza cada ano a súa dependencia de PSA, destinando preto do 40% da súa cifra de negocio aos mercados internacionais.

“E este espírito de superación permítenos marcarnos metas cada vez máis altas: como a Unidade Mixta que pilota BorgWarner con CTAG e que ten por obxectivo traballar na I+D de novos produtos que contribúan á sustentabilidade dos vehículos, apostando por sistemas e compoñentes para a diminución de emisións contaminantes. Ou a posta en marcha da Business Factory Auto, unha aceleradora de empresas que está impulsando medio centenar de proxectos de innovación e con investimentos por máis de 20 millóns”, engadiu.

Feijóo afirmou que a Xunta seguirá a acompañar este sector para que alcance obxectivos estratéxicos no futuro como: modernizar o sector co impulso da industria 4.0, mellorar os procesos de innovación, adaptar a formación ás necesidades reais do mercado e mellorar a eficiencia enerxética.

Así mesmo, concluíu lembrando que este espírito innovador está a facer ademais que arraiguen na Comunidade novos sectores entre os que destacou o aeroespacial e o biotecnolóxico.