O PP presenta o “Plan Navia” que inclúe 1.600 vivendas, un novo instituto e a ampliación do horario do centro de saúde

O candidato popular, Javier Dorado, subliña que o traballo da Xunta ten permitido facer de Navia unha zona residencial na que viven hoxe miles de familias.
Por o 16/09/2016 | Sección: Eventos
O PP presenta o “Plan Navia” que inclúe 1.600 vivendas, un novo instituto e a ampliación do horario do centro de saúde
Compartir en:

Resalta que o Partido Popular reforzará o seu compromiso con este barrio con outras actuacións como a ampliación do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao e o desenvolvemento de sendas peonís e para bicicletas. 

 O candidato popular, Javier Dorado, puxo hoxe en valor o traballo desenvolvido pola Xunta de Galicia en Navia, que ten feito deste barrio “o novo Vigo pola súa xuventude e dinamismo”. Neste sentido, Dorado avanzou que o plan de actuación da Xunta en Navia para os próximos catro anos inclúe 1.600 novas vivendas, un novo instituto ou a ampliación do horario do centro de saúde.

“Navia é unha aposta persoal do presidente Feijóo con Vigo, desde que era conselleiro de Vivenda”, apuntou. Deste xeito, explicou, o Goberno autonómico ten impulsado en Navia a maior zona residencial desenvolvida na cidade durante os últimos anos, onde hoxe residen xa miles de familias.

Sobre esta base, o candidato popular avogou por seguir a traballar no impulso de Navia, como xa ten feito a Xunta co inicio do procedemento para a modificación do Plan Parcial. “Desta forma, nos próximos anos edificaranse 1.600 novas vivendas protexidas no barrio, co obxectivo de que siga a ser eixo central do Vigo que estamos construíndo”, afondou.

Así mesmo, proseguiu, na próxima lexislatura seguirán a potenciarse os servizos prestados en Navia, con actuacións como a ampliación do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, que sumará dúas liñas máis encamiñadas a “cubrir a crecente demanda dun dos barrios máis mozos de Galicia e de España”.

“E para dar aínda máis cobertura a esa demanda, e como anuncio o presidente Feijóo, estudaremos a construción dun novo instituto público no Pau de Navia”, incidiu Dorado.

A estas importantes infraestruturas, explicou, sumaranse, a maiores, outros “servizos importantes” como a ampliación do horario de atención do Centro de Saúde, que pasará a ter tamén horario de tarde, a creación de sendas peonís e de carreiros para bicicletas, e un maior número de aparcamentos. “Desta forma, a mobilidade tamén será un eixo fundamental no desenvolvemento do barrio”, concluíu.