​Hosteleiros e directivos dos principais grupos empresariais da Arxentina formánse no centro superior de hostelería de Galicia

Desde hoxe, varios membros da Federación Empresaria Hoteleira Gastronómica da República Arxentina (FEHGRA) reciben un curso de xestión e dirección hoteleira
Por o 04/04/2019 | Sección: Formación
​Hosteleiros e directivos dos principais grupos empresariais da Arxentina formánse no centro superior de hostelería de Galicia

Hoteleiros e directivos da Federación Empresaria Hoteleira Gastronómica da República Arxentina (FEHGRA) inician hoxe no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) unha acción formativa de xestión e dirección hoteleira, que se estenderá ata o vindeiro 12 de abril.

Profesores do CSHG impartirán as clases aos participantes, membros dos principais grupos empresariais do país e filiais da federación empresaria procedentes de Pinamar, San Luis, Santa Fe, Bariloche, Córdoba, Porto Iguazú, Neuquén, Concordia así como representantes da capital federal, como a súa prosecretaria, Ana María Miñones.

Durante todas estas xornadas, os participantes formaranse en aloxamento, recursos humanos, revenue management, marketing e innovación hoteleira. As clases no CSHG alternaranse con visitas a puntos de interese turístico e patrimonial como Santiago de Compostela ou a Ribeira Sacra. Tamén se fará traballo de campo no Camiño de Santiago, a través de visitas aos aloxamentos da ruta xacobea.

Intercambio con Arxentina

Trátase da segunda edición desta acción formativa que se enmarca no protocolo de colaboración asinado o ano pasado entre FEHGRA e a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Turismo de Galicia. Anteriormente, contárase coa participación de directivos das provincias de Tucumán e Salta e realizouse un intercambio para que tamén membros do Centro Superior de Hostelería de Galicia participasen no Encontro Anual da Hotelería e Gastronomía celebrado na Arxentina.

Comentar noticia

Your email address will not be published.