O 061 de Galicia aconsella un ano máis ter precaución co consumo de alcohol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes na noite de San Xoán

A Central de Coordinación do 061 reforza o seu persoal ante o incremento do número de chamadas por intoxicacións, accidentes de tráfico e queimaduras
Publicado por o día 22/06/2017 na sección de Eventos,Galicia,Sanidad

O 061 de Galicia aconsella un ano máis ter precaución co consumo de alcohol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes na noite de San Xoán

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina as urxencias e emerxencias sanitarias na comunidade galega, recomenda un ano máis ter precaución co consumo de alcohol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes durante a celebración da Noite de San Xoán.

Como todos os anos nesta data, a Central de Coordinación do 061 reforza o seu persoal na franxa horaria que ten lugar esta celebración ante o incremento da demanda sanitaria. Así, as intoxicacións etílicas ou por drogas, os accidentes de tráfico, as queimaduras, as alteracións da consciencia, as caídas e mareos, e as lesións producidas no entorno das cacharelas constitúen a causa principal das chamadas de consulta e asistencia sanitaria.

Por todo isto, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como un primeiros intervenientes nestes casos, considera imprescindible transmitir á cidadanía os seguintes consellos de prevención durante a celebración desta festividade.

En primeiro lugar, as tradicionais fogueiras desta festa supoñen un compoñente de perigo tanto polo lume como polo fume producido nas mesmas. Por iso, é importante elixir o sitio onde facer as cacharelas. Non debe ser en lugares pechados, evitando a proximidade de cables de alta tensión, e sempre vixiando a altura e a distancia do lume a estes.

Para prender as fogueiras non deben utilizarse líquidos inflamables e non se debe arroxar ao lume envases herméticos, sprays, pilas, nin manipular petardos cerca do mesmo. É recomendable ter sempre a man extintores ou auga por se fora necesario. Unha vez prendido o lume se debe evitar que os nenos se acheguen as fogueiras e extremar as precaucións se se achegan ao lume.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aconsella situarse de costas á dirección do vento, evitando que as chamas e o fume se dirixan cara vostede, para non sufrir as lesións causadas polo lume e por inhalación de fumes, especialmente se sofre dalgunha patoloxía respiratoria.

Á hora de saltar as cacharelas débense evitar as pezas de roupa sintéticas e utilizar preferiblemente as de algodón. No caso de que a súa roupa prenda lume, non corra. Só conseguirá avivar as lapas e dificultar que as apaguen. Tírese ao chan e revólquese ou quede quedo mentres as apagan.

Se algunha persoa sofre algún tipo de queimaduras, é importante alertar ao 061 inmediatamente. Mentres chega a axuda, o médico da Central de Coordinación daralle os consellos necesarios. Como norma xeral, é útil lavar con abundante auga a zona afectada se a queimadura é de pouca extensión. No caso de que sexa extensa, non utilice auga fría por risco de hipotermia.

Tamén é importante non realizar desprazamentos en automóbil no caso de consumir alcohol ou drogas, xa que o consumo destes pode propiciar somnolencia e falta de reflexos, condicións que favorecen os accidentes de tráfico.

San Xoán 2016

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu na noite de San Xoán do pasado ano 68 intoxicacións, 12 accidentes de tráfico, con 15 persoas implicadas, e dez queimaduras provocadas polas fogueiras. O período contabilizado foi desde as 18.00 horas do xoves 23 de xuño ata as 9.00 horas do venres 24 de xuño. O 061 asistiu a maiores a 13 persoas por alteracións da consciencia, caídas e mareos, e lesións producidas no entorno das cacharelas.

Pontevedra con 35 intoxicacións etílicas ou por drogas foi a provincia que rexistrou o maior número de atencións, seguida de A Coruña con 24, Lugo con oito e Ourense cunha. A idade rexistrada nestes casos alcanza o pico de atención entre os 15 e os 24 anos, que supoñen o 56 por cento das persoas atendidas por esta patoloxía. Para asistir ás 68 intoxicacións, o 061 de Galicia desprazou tres ambulancias medicalizadas, mobilizou en 40 ocasións as ambulancias asistenciais e en oito ocasións mobilizáronse ambulancias convencionais. Das 68 persoas atendidas, 31 non requiriron traslado, dez foron trasladadas ao centro de saúde e 27 ao hospital.

As queimaduras atendidas polo 061 en toda a comunidade galega foron dez. Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu na Coruña e Pontevedra cinco casos respectivamente. As idades das persoas afectadas sitúanse entre 17 e 51 anos, sendo nove homes e unha mulleres. Do total dos pacientes, seis trasladaron a un centro hospitalario e catro a un centro de saúde.

No caso dos accidentes de tráfico, asistíronse 15 persoas en 12 accidentes de tráfico. A Coruña rexistrou seis accidentes, Lugo catro e Pontevedra dous. A idade das persoas atendidas polo 061 abrangue desde os 20 anos en adiante. Para asistir ás 15 persoas implicadas, o 061 mobilizou a ambulancia medicalizada en dous ocasións, en 16 casos as ambulancias asistenciais e en dous ocasións acudiu o médico de atención primaria. Do total de persoas atendidas, 12 foron trasladas a un hospital, unha a un centro de saúde, unha asistiuse no lugar sen requirir traslado a un centro sanitario e unha persoa faleceu no punto.