O 061-Galicia asistiu a 137 persoas por 105 accidentes de circulación durante a ponte da Inmaculada Concepción

En 114 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en 23 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente
Publicado por o día 11/12/2017 na sección de Sucesos

O 061-Galicia asistiu a 137 persoas por 105 accidentes de circulación durante a ponte da Inmaculada Concepción

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a ponte da Inmaculada Concepción a 137 persoas debido a 105 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15:00 horas do xoves, 7 de decembro ata as 23:59 horas do domingo, 10 de decembro. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 36 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 128 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 105 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 137 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 48 e 52 % respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 31 % dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes con 44 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes

A Coruña

41
Lugo
10
Ourense
10
Pontevedra
44
Galicia
105

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 121. Así, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado acudiu en cinco sinistros, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 105 accidentes e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en seis sinistros. As ambulancias convencionais acudiron en cinco accidentes.

En 114 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en 23 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.