O 061-Galicia asistiu a 81 persoas por 59 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15:00 horas do venres 9 febreiro ata as 23:59 horas do domingo 11 de febreiro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 66 chamadas por accidentes de tráfico
Publicado por o día 12/02/2018 na sección de Sucesos

O 061-Galicia asistiu a 81 persoas por 59 accidentes de circulación durante a fin de semana

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 81 persoas debido a 59 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15:00 horas do venres, 9 de febreiro ata as 23:59 horas do domingo, 11 de febreiro. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 26 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 66 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 59 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 81 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 56 % e do 44 % respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 31 % dos atendidos tiña entre os 25 e os 39 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes con 25 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia Accidentes
A Coruña 19
Lugo 5
Ourense 10
Pontevedra 25
Galicia 59

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 72. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 62 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en seis accidentes. As ambulancias convencionais acudiron en catro sinistros.

En 69 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en 12 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.