O 061 pídelles aos condutores precaución durante os desprazamentos nestas datas festivas da Semana Santa

Ante un sinistro na estrada é fundamental actuar axeitadamente, para evitar aumentar o número de feridos, e chamar canto antes ao 061
Por o 12/04/2017 | Sección: A Coruña,Galicia,Lugo,Ourense,Pontevedra,Sanidad,Vigo
O 061 pídelles aos condutores precaución durante os desprazamentos nestas datas festivas da Semana Santa

Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, quere reiterar o consello de precaución nas estradas ante o inicio, mañá, xoves, das vacacións de Semana Santa, nas que se prevé un notable incremento no número de desprazamentos por estrada ata o vindeiro domingo 16 de abril.

Cómpre lembrar que unha vez se produce un accidente é fundamental actuar correctamente para evitar aumentar o número de vítimas. É importante chamar ao 061 canto antes, para que acudan os servizos de emerxencia, e seguir as súas indicacións.

A persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade, en primeiro lugar facilitando ao 061 toda a información relevante e, en segundo, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados.

É imprescindible facilitar a situación exacta do lugar do accidente e o número e estado dos feridos, para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios.

Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, debe tratar de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Deberá poñer roupa reflectora ou rechamante, nunca escura. Ademais, sinalizará o accidente 200 metros antes e despois do lugar no que ocorreu.

Outra das medidas que se deberán realizar serán apagar as luces e retirar as chaves do vehículo sinistrado e considerar a existencia de perigos engadidos, como pode ser o desprendemento de gases, incendios, cables eléctricos, entre outros.

O que non se debe facer nunca é poñer en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender os accidentados, hai que adoptar as medidas de seguridade axeitadas para evitar novos accidentes. Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.

Balance Semana Santa 2016

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Semana Santa do pasado ano a un total de 118 persoas debido a 80 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do mércores, 23 de marzo, ata as 23:59 horas do domingo, 27 de marzo de 2016. O maior número de atencións por sinistros rexistrouse o venres con 19 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu neses días 93 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 80 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 118 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 48% e do 52% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 40% dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos.

Por provincias foi A Coruña a que rexistrou máis accidentes con 40 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes

A Coruña

40
Lugo
6
Ourense
8
Pontevedra
26
Galicia
118

En 100 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, 16 persoas foron asistidas no lugar do sinistro e dúas persoas faleceron no lugar do sinistro.