1.000 establecementos xa forman parte de Alargascencia

A campaña de Amigos da Terra, Alargascencia, xa supera os 1.000 establecementos de segunda man, reparación, aluguer e troco.
Publicado por o día 21/06/2017 na sección de Amigos da Terra

1.000 establecementos xa forman parte de Alargascencia

O directorio contra a obsolescencia de Amigos da Terra, Alargascencia, xa conta cunha rede de 1.000 comercios locais. Celebramos o éxito do directorio, que contou coa participación cidadá e dos propios comercios para convertelo nun referente dentro do sector da reutilización en España.

Hai poucos días, Alargascencia chegaba á cifra dos 1.000 establecementos. O directorio, formado por comercios dedicados a alongar a vida útil dos produtos, compra-venda de segunda man, reparación, troco ou aluguer, constitúese como aliado fronte á obsolescencia á vez que promove o comercio local.

A campaña, posta en marcha hai ano e medio, foi crecendo progresivamente, grazas ao traballo de activistas e cidadanía, que propuxeron estes establecementos ata exceder os mil. O directorio conta con comercios situados por toda a xeografía española, e de todos os sectores, desde electrónica, téxtil, mobles, ferramentas ata lecer e xoguetes.

Alargascencia mostra as alternativas existentes á obsolescencia programada e percibida, co fin de facilitar á cidadanía as opcións que existen para dar unha segunda vida aos obxectos, reparándoos ou usándoos de segunda man. Estas actividades evitan o sobre-consumo de recursos naturais e a xeración excesiva de residuos, problemas asociados á curta duración dos obxectos.

Que hai máis ecolóxico que dar unha segunda ou terceira vida a un obxecto que xa existe?, pregúntase a organización. Por este motivo, Amigos da Terra decidiu comezar con esta campaña; para poñer en valor o traballo destes comercios que, na maioría dos casos sen sabelo, están a protexer os recursos naturais do planeta.

“Queremos animar á cidadanía aa usar estes servizos con máis asiduidade; ademais de ser unha forma sinxela de aforrar cartos, estamos a protexer o medio ambiente e favorecendo o comercio de proximidade”, destacou María Durán, responsable da área de recursos naturais e residuos de Amigos da Terra.

Entre os máis de 1.000 establecementos que contén Alargascencia pódense atopar: talleres de reparación de produtos electrónicos, tendas de roupa de segunda man, talleres de costura e arranxos téxtiles, restauración e reparación de mobiliario, compra-venda de mobles de segunda man e reparación de bicicletas, entre outras categorías.

Os recursos naturais cada vez son máis escasos e a súa extracción xera graves impactos. Con todo, os produtos fabrícanse para ser pouco duradeiros, pouco reparables e pouco reutilizables. Este modelo choca cos límites do planeta, acrecentando o problema do sobre-consumo de recursos naturais e de xeración de residuos. En España vértense o 55% de residuos, incinérase o 12% e tan só se recícla o 33%.

A loita contra a obsolescencia e o alongar a vida útil dos produtos é unha das principais ferramentas para reducir o problema da xeración de residuos. De aí provén o inmenso valor de Alargascencia e a necesidade de dar a coñecer estas alternativas á cidadanía e seguir ampliando o directorio.