1.327 elevan os falecementos por covid-19 en Galicia

Aumentan os casos activos ata os 5.653 (+55) tras 424 novos contaxios
Publicado por o día 16/12/2020 na sección de Coronavirus

1.327 elevan os falecementos por covid-19 en Galicia

Catro persoas faleceron este mércores diagnosticadas de covid-19, polo que Galicia suma 1.327 mortes desde o inicio da pandemia, segundo datos de Sanidade.

Os decesos son os dunha muller de 89 anos no CHUAC da Coruña, outra muller de 74 no mesmo hospital, así como un home de 80 anos na residencia Vila do Conde, en Gondomar (Pontevedra), e unha muller de 88 anos na residencia San Salvador, de Guntín (Lugo).

O Sergas indica que os falecidos presentaban patoloxías previas.

Terceira xornada consecutiva con suba de casos activos. Galicia ten 5.653 persoas con coronavirus, segundo os datos do Sergas consolidados onte ás 18:00, 55 máis ca onte. Houbo 424 novos contaxios, 380 confirmados por proba PCR.

Baixa a presión hospitalaria

O número de persoas ingresadas nos hospitais galegos redúcese respecto a onte: hai 354 persoas ingresadas, 301 en planta (-18) e 53 nas UCI (-3). Fréase, cando menos nesta xornada, a suba da presión hospitalaria que acompañou a repunta de hai dous días e mudou a tendencia favorable en Galicia.

Por desgraza, o número de vítimas continúa aumentando. Onte o Sergas notificou catro falecementos. O número de galegas e galegos finados por mor do coronavirus ascende a 1.323.

Os cribados masivos manteñen a positividade á baixa

As probas PCR notificadas polo Sergas volven aumentar, ata acadar a cifra récord do último mes: 9.026 probas (+994). O motivo está nos múltiples cribados masivos en varios concellos do país, cunha asistencia superior ao 75 % na maioría dos casos.

Así, Galicia supera hoxe o millón de probas PCR realizadas nesta pandemia, un número que, por suposto, non corresponde co número de persoas que fixeron a proba.

Das máis de 9.000 probas feitas, deron positivo 380, o cal revela unha taxa de positividade de 4,21 %. Está algo por riba da media da última semana -3,89 %-, que se consolida por debaixo do 4 %, un punto por debaixo do limiar máximo establecido pola OMS para dar unha pandemia por controlada.

Por áreas sanitarias

• Vigo: 1.343 (+14)

• Santiago: 1.054 (+49)

• A Coruña: 907 (-22)

• Pontevedra: 869 (+2)

• Ferrol: 570 (+8)

• Lugo: 462 (-8)

• Ourense: 448 (+12)

Comentar noticia

Your email address will not be published.