10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega: En unidade. Con memoria. É o momento

O Día da Clase Obreira Galega de 2019 conmemórase nun escenario inquietante, marcado por un intenso momento político e presidido pola desmemoria dunha sociedade enferma do cancro da desigualdade extrema, onde ter traballo xa non significa saír da pobreza.
Por o 06/03/2019 | Sección: CC.OO,Sindicatos
10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega: En unidade. Con memoria. É o momento

Logo de acadar un espazo de encontro para desaloxar a corrupción do Goberno do Estado, o consenso inicial amosouse incapaz de facer desta curta lexislatura un tempo para o diálogo e o acordo que revertese as reformas máis lesivas da anterior etapa, que dese reorientado á axenda do diálogo a conflitividade xerada polas tensións territoriais.

A acumulación de datas relevantes no eido electoral transfírelle á cidadanía un papel absolutamente determinante que vai configurar o modelo de sociedade que queremos para o noso país.

A primeira destas datas será o 28 de Abril; entón, a sociedade decidirá se emprende o camiño de reconstruír as pontes que conectaban o crecemento económico co progreso da clase traballadora. Decidirase se o contrato social é solidario e se o modelo social está influído e condicionado pola clase traballadora ou ditado pola infinita cobiza dos poderes económicos.

En unidade, os desexos de progreso social, de dereitos e de igualdade esixen un esforzo de mobilización unitaria, un esforzo xeneroso que garanta un panorama electoral asentado nos valores e principios comúns da esquerda, capaz de conformar unha maioría parlamentaria que sexa o espello da maioría social que representa a clase traballadora.

Dende a lexitimidade que nos dá a nosa práctica sindical unitaria, asentada nos valores de mobilización e negociación, apelamos á necesidade de entendemento entre as distintas sensibilidades da esquerda no noso país para conformar unha oferta electoral capaz de disputar ás «dereitas sen complexos» calquera indicio de retroceso nos dereitos, calquera intento de descompoñer o Estado social e de dereitos, de cuestionar o marco do noso autogoberno, de levarnos a tempos que neste 10 de Marzo conmemoramos.

Coa memoria naquel 10 de Marzo de 1972, cando os traballadores da Bazán se manifestaron para reivindicar melloras no seu convenio colectivo e a ditadura respondeu coas balas que acabaron coas vidas de Amador e Daniel. Aqueles asasinatos provocaron por toda Galicia unha marea de solidariedade e mobilizacións que foi o xerme da conciencia colectiva capaz de superar a etapa máis escura da historia recente do noso país. Lembramos, sen nostalxia, aquela loita, tendo sempre na memoria a importancia daquel esforzo colectivo das xentes das CCOO, xunto coa doutras moitas organizacións, que nos trouxo a liberdade imprescindible para gozar dunha longa etapa de progresos, de conquista de dereitos e de maior xustiza social.

É o momento de que quen aspire a gobernar en Galicia e España, a levar a nosa voz ao Parlamento Europeo, ou xestionar os servizos públicos municipais, poña as persoas no eixe das súas políticas; é o momento de recuperar a centralidade no traballo, o dereito ao traballo e o dereito no traballo, como elementos fundamentais de estruturación da nosa sociedade; é o momento de derrogar aquelas reformas que baixo a coartada da crise se demostran implacables na desvalorización das condicións de traballo e poñen en risco a sustentabilidade do sistema público de pensións.

Soldos máis baixos, mingua progresiva da poboación que cotiza, pensións máis cativas… e mentres, os beneficios empresariais xa se atopan en niveis superiores ao do período da crise. Hai case un ano, no ámbito confederal asinamos o IV Acordo de Emprego e Negociación Colectiva (ANC) co obxectivo fundamental de aumentar os salarios e reducir a precariedade. Malia estar asinado polo máis alto nivel de representación patronal, moitas das súas organizacións pretenden desvincularse do pacto. Fronte a estes incumprimentos, o movemento sindical en xeral e CCOO en particular continuaremos dando a batalla, sector a sector, empresa a empresa e convenio a convenio. É o momento de que todo o esforzo que fixo a clase traballadora durante a crise se vexa compensado, que o actual patrón de crecemento económico se distribúa cos principios de xustiza social. Fronte á desigualdade, loita sindical; fronte á manipulación, memoria e conciencia social.

VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!
VIVA O DEZ DE MARZO!!
VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!
DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!

Comentar noticia

Your email address will not be published.