1000€ de recompensa por datos sobre a cadela tiroteada de Baiona

O can puido ser tiroteado polo menos dúas veces, ademais de ter as patas traseiras atadas
📣 Publicado por el 07/01/2019 en la sección de Social

1000€ de recompensa por datos sobre a cadela tiroteada de Baiona

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber pediron este venres máxima colaboración cidadá para que a Garda Civil poida resolver o covarde crime dunha mastina no termo municipal de Baiona, un animal que era moi querido pola maioría dos veciños do barrio de Fontes.
 
Para incentivar esta cooperación, os animalistas lanzaron unha recompensa de 1000€ coa que esperan lograr que algunha persoa que puido presenciar o secuestro do animal, a súa tortura e posterior execución con polo menos dous disparos, fale e facilite aos axentes da Benemérita os datos suficientes para dar co responsable ou responsables deste acto de crueldade.
 
Os colectivos sosteñen que alguén tivo que ver como levaban ao animal do coñecido barrio baionés, xa que a cadela non era pequena e a súa morte violenta puido levar un bo número de minutos, incluso o traslado do corpo cara a unha zona afastada do núcleo urbano e de difícil acceso, o que evidencia unha clara intencionalidade por ocultar o caso de malos tratos animais.
 
FFW e LIBERA! son conscientes de que este tipo de sucesos non adoitan ter resolución, e advirten que o 100% dos casos similares en Galicia que tiveron lugar en 2018 seguen sen datos que posibiliten practicar detencións por posibles delitos de malos tratos animais, desde o cachorro tamén tiroteado en Verín, idéntica mala sorte que outra cadela preñada en Pontevedra ou o can apalizado en Cervo (Lugo), que se suman a denuncias por envelenamento por decenas na comunidade.
 
É o segundo caso de extremo sadismo contra animais domésticos en Baiona en menos dun ano, xa que os animais lembraron a Olaf, o gatito que foi queimado cun soplete na localidade o pasado verán e onde tamén as organizacións en defensa dos animais ofreceron idéntica compensación económica, aínda sen sorte.