110 profesionais atenden dende hoxe o servizo municipal de limpeza, salvamento, socorrismo e acción policial

Abel Caballero saudou este xoves a parte do equipo humano que atenderá as necesidades cidadás en dez areais desde hoxe e ata o 15 de setembro e destacou o “servizo excepcional” que presta a Unidade de Costa e Praia da Policía Local.
Publicado por o día 15/06/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

110 profesionais atenden dende hoxe o servizo municipal de limpeza, salvamento, socorrismo e acción policial

O alcalde explicou que o servizo de socorrismo, salvamento e asistencia sanitaria, que conta con 65 profesionais, estará presente en dez areais: A Punta (Teis), O Tombo do Gato, Argazada (Alcabre), Samil, O Vao, Fontaíña (Coruxo), Canido (San Miguel de Oia), Fortiñón (Saiáns), Rodas e Figueiras (Illas Cíes).

Ademais, tamén comeza a funcionar hoxe a Unidade de Costa e Praia da Policía Local que o rexedor puxo en valor polo “servizo excepcional que presta con gran satisfacción por parte da cidadanía” e que está conformado por 16 axentes que percorren os areais vigueses de forma permanente.

O Concello reforza a acción nas Illas Cíes durante as noites das fins de semana, de maneira que haberá un servizo de vixilancia permanente de entre 4 e 6 efectivos, tamén de noite, amais das accións de socorrismo e salvamento.

A estes profesionais, cómpre sumarlle os 19 operarios de limpeza dos areais de forma continuada e os socorristas das piscinas municipais, ata un total de 110 persoas dedicadas a prestar servizo á cidadanía que acode ás praias e que “actúan de forma permanente”.

Quioscos de praia
Caballero deu conta tamén a aprobación, por parte da Xunta de Goberno Local da proposta de adxudicación das autorizacións municipais para a ocupación, instalación e explotación de nove quioscos nas praias municipais nos areais de Santa Baia (Alcabre), Tombo do Gato, Argazada, Samil, O Vao e Etea. Os dous que quedaron desertos sairán a concurso novamente.