11/10 Amor Flexible no Auditorio da Xunqueira de Redondela

Publicado por o día 02/10/2014 na sección de Eventos

11/10 Amor Flexible no  Auditorio da Xunqueira de Redondela

O espectáculo está protagonizado pola famosa actriz galega Mela Casal, xunto con Tamara Canosa e Guillermo Carbajo. Está dirixido por Alex Sampayo sobre un texto da súa propia autoría compartida con Borja F. Caamaño, Araceli Gonda, Avelino González e Tamara Canosa.

O vindeiro sábado 11 de outubro o Auditorio da Xunqueira de Redondela acollerá, a partir das 20.00 h, a representación do espectáculo Amor Flexible, da compañía de teatro Redrum.

Producida co apoio da Xunta de Galicia, Amor Flexible é unha comedia de enredo que fala das relacións de parella a través dos sete pecados capitais. Está protagonizada pola veterana actriz Mela Casal, con grande sona polos seus traballos no audiovisual galego, como alcaldesa de Mareas Vivas, a viuva de A vida por diante ou a entrañable Socorrito, do programa Luar. Xunto a ela dous actores novos pero cunha ampla experiencia, Tamara Canosa e Guillermo Carbajo, ambos os dous coñecidos polo gran público por ser os nenos das dúas series de televisión máis míticas da Tvg: Mareas Vivas e Pratos Combinados respectivamente.

A dirección vai a cargo de Alex Sampayo, director tamén coñecido polo seu traballo no eido audiovisual no que ten dirixido series como El Internado ou Padre Casares. Neste momento está percorrendo un gran número de festivais de cine internacionais coa súa ópera prima, Schimbare, unha longametraxe protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera que acaba de gañar o premio á mellor película no Festival Internacional de Cine de San Diego.

Amor Flexible é unha comedia escrita por Avelino González, Araceli Gonda, Tamara Canosa, Borja F. Caamaño e Alex Sampayo estreada no mes de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Dende entón Amor Flexible non deixou de obter aplausos nunha xira que abrangue máis de trinta concellos da nosa xeografía.

Trátase da cuarta produción da compañía Redrum Teatro, unha compañía compostelá fundada no 2009 que xa levou aos escenarios a obra de suspense A Pensión, protagonizada por Rosa Álvarez; o espectáculo infantil Moito Conto e a comedia Curriculum Vitae.

As entradas teñen un custe de 5€ e de 3€ para estudantes e xubilados. Pódense adquirir na billeteira do Auditorio desde dúas horas antes de que comece a representación.

cartel-amor-flexible

PRENSA REDRUM TEATRO