O 112 Galicia atendeu preto de 472.000 chamadas e xestionou máis de 103.000 incidencias no primeiro semestre do ano

O 40% das chamadas e o 41% das incidencias foron resoltas desde o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Estrada
Publicado por o día 22/08/2017 na sección de Sanidad,Sucesos

O 112 Galicia atendeu preto de 472.000 chamadas e xestionou máis de 103.000 incidencias no primeiro semestre do ano

O 112 Galicia resolveu 103.487 incidencias durante o primeiro semestre do 2017 mediante a mobilización dos recursos de emerxencias en 155.886 ocasións. Das 472.087 chamadas atendidas polo persoal do 112 Galicia neste período, o 22% derivaron en situacións de urxencia que precisaron, na maior parte dos casos, da asistencia sanitaria e da intervención das forzas da orde e dos servizos de rescate e extinción de incendios, isto é, bombeiros, grupos supramunicipais de emerxencias (GES) e axentes de Protección Civil.

Ademais, 188.912 chamadas, o 40% do total, foron atendidas xa dende o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Estrada (Pontevedra), un complexo de máis de 4.600 metros cadrados, que multiplica nun 125% a capacidade de resposta ao cidadán e que está en funcionamento dende o pasado 19 de abril. Dende esa data, foron coordinadas dende o novo CIAE 42.646 incidencias, o que supón o 41% das alertas xestionadas no semestre.

Do total de incidencias atendidas no 112 Galicia entre xaneiro e xuño, o 34% estiveron relacionadas con incendios urbanos e industriais, rescates, fugas de gas, derrames e verteduras de substancias, a activación de plans especiais de protección civil e outros operativos; o 30% coa atención sanitaria, o 13% coa seguridade cidadá, o 14% coa atención de incidencias pola presenza de enxames, animais feridos ou en vías e, por último, o 9% con accidentes en estradas, laborais, ferroviarios e marítimos.

Cómpre salientar que o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 xestionou no primeiro semestre do ano 4.882 avisos pola presenza de niños de avespa velutina, o que se traduce nun incremento dun 437% con respecto ao mesmo período do ano anterior, cando se rexistraron 909 alertas.

Atendendo ao volume de incidencias por provincias, na da Coruña contabilizouse o 38% do total. Séguelle de preto a provincia de Pontevedra, onde se rexistraron case que o 37%. Nas provincias de Ourense e Lugo, mentres, producíronse o 13 e o 12% das incidencias, respectivamente.

Mantense o grao de satisfacción

Os usuarios do 112 Galicia manteñen o seu grao de satisfacción co servizo prestado polo novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias. Así, o 94% das persoas enquisadas consideran que a súa chamada ao 112 Galicia foi rápida e o trato recibido polo persoal da central resultou cordial e dilixente. Tamén cualifican o servizo de emerxencias como útil e preciso. A cualificación obtida no balance deste primeiro semestre do ano é a mesma que a acadada no informe anual do ano 2016.

Os datos para a elaboración da enquisa recóllense polo departamento de Calidade do CIAE 112 Galicia, a través dun cuestionario que mensualmente se formula a unha mostra de persoas que contactaron co número de atención de emerxencias.

Por outra parte, as chamadas maliciosas continúan diminuíndo. Neste semestre rexistrouse unha redución dun 4,8%, respecto ao mesmo período do exercicio anterior. Así, nos seis primeiros meses do ano contabilizáronse un total de 29.196 chamadas deste tipo, que se realizan ao 112 cunha finalidade distinta á de informar dunha situación de emerxencia. As chamadas maliciosas reciben un tratamento específico que permite reducir o fluxo e diferenciar entre falsas alarmas intencionadas, reincidentes e menores.

Alpify

Durante o primeiro semestre deste ano o 112 Galicia recibiu 395 alertas a través da aplicación móbil Alpify, un servizo que permite ao usuario conectar dun xeito rápido e efectivo cos servizos de emerxencia.

A maioría dos avisos, 304, foron chamadas telefónicas ao 112 a través de Alpify, mentres que o resto correspóndense con alertas do botón de SOS da aplicación ou o envío de SMS á central de emerxencias. En Galicia rexistráronse 5.207 novas descargas da aplicación Alpify no primeiro semestre do ano.

Intervencións do GALI

O Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias estivo presente durante estes meses nun total de 13 operativos, nos que foi preciso o uso do seu material de intervención especializada ou do seu sistema de comunicacións.

Salienta a participación no mes de marzo da Unidade Operativa de Drons da AXEGA na busca dunha persoa desaparecida en Castro Caldelas. Os avións non tripulados sobrevoaron a localidade ourensá durante horas, ofrecendo aos efectivos de emerxencias instantáneas e gravacións do espazo de busca co obxectivo de facilitar o dispositivo. Por outra banda, no mes de xuño o GALI serviu de reforzo para atallar unha vertedura de produtos químicos nunha empresa de Monforte. Nese mesmo mes, tamén interveu nas tarefas de extinción dun incendio forestal en Melón e durante catro días consecutivos no dispositivo de loita contra o lume de Góis (Portugal).

O GALI tamén estivo presente en seis operativos de seguridade de eventos con público masivo, como no Entroido de Verín, na Festa da Arribada de Baiona ou no Corpus de Ponteareas. Ao mesmo tempo, formou parte de tres simulacros para a implementación de plans de autoprotección.