120 anos de historia para o principal cemiterio de Vigo

A necrópole de Pereiró celebra o seu 120 aniversario rodeado de moita historia e unha maxestosa arquitectura
Por o 23/03/2018 | Sección: Galicia,Turismo,Vigo
120 anos de historia para o principal cemiterio de Vigo
Compartir en:

O lonxevo cemiterio de Pereiró , en Vigo, cumpriu o 18 de marzo 120 anos. Un camposanto do século XIX que xa forma parte do patrimonio non só da cidade olívica senón da provincia de Pontevedra e no que repousan os restos de numerosos personaxes ilustres.

Era 1898 cando se realizou a inauguración oficial. Pouco despois produciríase o primeiro e triste enterramento segundo informan desde a Concellería de Turismo, xa que se trataría dun neno de 11 anos baixo o nome de José Rodríguez Rodríguez.

A construción do mesmo produciríase na época de crecemento que experimentou Vigo a finais do século XIX. A industria local da salgadura estaba en auxe, e xunto coas diferentes conexións marítimas grazas á emigración galega, os portos sufriron diversas ampliacións.

A poboación da cidade aumentou ata os 15.000 habitantes e o número de defuncións anuais alcanzaban entre as 300 e 350 persoas falecidas, convertendo os dous cemiterios existentes en insuficientes. O Picacho no Berbés quedaría pequeno, mentres que o de Santiago deteriorouse polas súas terras pantanosas, e a veciñanza negouse a enterrar aos seus familiares polo continuo afundimento das tumbas.

A nova obra terminaríase realizando na parroquia de Santa María de Castrelos nun espazo de 67.000 metros cadrados polos 4.000 do Picacho. Requiriría da expropiación de 121 terreos por valor de 38.000 pesetas e o custo total rozaría as 100.000 pesetas da época.

Sepulturas ordinarias, fosas comúns e cemiterio civil contrastaría con ostentosos e belos panteóns da xente máis adiñeirada

Sepulturas ordinarias, fosas comúns e cemiterio civil contrastaría con ostentosos e belos panteóns da xente máis adiñeirada, ata tal punto que moitos se animaron a trasladar os restos de familiares enterrados no Picacho.

Entre os arquitectos que participaron en diferentes obras, atópanse Jenaro de la Fuente, Francisco Castro ou Manuel Gómez Román, e escultores como Francisco Asorey e Henry Godet.

E se falamos dos personaxes de máis renome, hai que mencionar aos empresarios García Barbón e Sanjurjo Badía, a escritora Concepción Arenal, os industriais José Barreras Massó, José Curbera Puig, Bernardo Alfageme de Riba, o produtor de Suevia Films Cesáreo González ou o heroe de guerra da reconquista “Cachamuíña”, así como moitos falecidos da guerra de Cuba e Filipinas e fusilados da Guerra Civil.

Un espazo con moita historia rodeado dunha arquitectura neoclásica, modernista e neogótica digno de ver. Por iso, de cando en vez realízanse visitas guiadas. Mentres tanto, pódese utilizar a mini-guía que ofrece o propio concello a través da Concellería de Turismo accedendo en horario público de 9 a 13 horas e de 15:15 a 18:30 horas.

Hoxe, a cidade de Vigo con case 300.000 habitantes está acompañada doutros sete cemiterios municipais. E ademais da singularidade deste camposanto, Rías Baixas conta con seis cemiterios destacados pola súa historia, beleza e relevancia.