13 reflexións sobre comunicación e cultura ante a “revolución” de internet

Impulsado polo programa de doutoramento en Comunicación
Por o 19/02/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo
13 reflexións sobre comunicación e cultura ante a “revolución” de internet

Internet tense convertido nun dos “principais soportes da comunicación” o que á súa vez “está a provocar unha verdadeira revolución no entendemento da información e das industrias culturais”. Este é un dos puntos de partida de To the Next Station. Papers on Culture and Digital Communication, un libro coordinado polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Benigno Fernández Salgado e a docente da Facultade de Filoloxía e Tradución María José Corvo. Partindo das liñas de traballo do programa de doutoramento en Comunicación da Universidade Vigo, o volume reúne 13 estudos, na súa meirande parte de investigadores e investigadoras vinculados ao programa de doutoramento que desenvolven estas dúas facultades,e nos que se abordan cuestións como os usos tecnolóxicos da mocidade e a súa incidencia na construción dunha identidade, o big data ou os algoritmos que determinan as recomendacións en redes sociais.

As “palabras chave” que os investigadores e investigadoras debían presentar dos seus estudos serviron para dar forma á portada deste volume, que representa o plano dunha serie de liñas de metro nas que as diferentes paradas e estacións reflicten conceptos como idiomas, traducións, publicidade, literatura, cultura, social media, educación, comunicación, internet ou globalización. “Todas as colaboracións teñen algo que dicirnos sobre o momento que estamos vivindo”, salientan Covo Sánchez, profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, e Fernández Salgado, docente do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, dun libro que reúne unha serie de estudos “sobre comunicación social na era dixital e as súas implicacións culturais nas nosa maneiras de relacionarnos co mundo”. Publicado en inglés pola editora Peter Lang, To the next station busca así mesmo dar a coñecer os diferentes ámbitos de investigación dun programa de doutoramento que constituíu, sinalan, “a primeira iniciativa académica de colaboración” entre dúas facultades, “que aparentemente converxían na abordaxe e estudo de temas comúns con presupostos, teorías e metodoloxías non tan diferentes como se podería supoñer”. De feito, coa excepción das achegas da investigadora alemá Tina Poethe e da profesora da Universidad Nacional de La Plata Mariela Sánchez, o resto de participantes neste libro son investigadores e investigadoras que desenvolveron as súas teses de doutoramento no marco deste programa, dando así continuidade aos libros impulsados polo doutoramento Comunicar(se) en el siglo XXI, coordinado por Marta García e Aurora García, e Redes e retos, editado por Óscar Díaz e Pilar García Soidán.

Tradución e globalización

Estruturado en bloques, o volume ábrese co artigo no que Fernández Salgado e Corvo reflexionan sobre a importancia da investigación nestes eidos, para logo reunir unha serie de achegas vinculadas á tradución, que “en moitos sentidos pode ser entendida como unha especie de actividade paradigmática do que é a comunicación”,  e á globalización, Así, a investigadora de Filoloxía e Tradución Helena Cortés reflexiona neste bloque sobre “os límites da comunicación humana partindo do caso exemplar da tradución dun vocábulo aparentemente tan simple como pan”; mentres que Lourdes Lorenzo, da Universidade de Vigo, e Tomás Costal, da UNED, abordan, desde o punto de vista legal, a proliferación en internet de traducións audiovisuais de carácter amateur. A doutora en Comunicación Josefa Piñeiro suma a esta publicación unha investigación dos usos tecnolóxicos dun grupo de rapaces co propósito de identificar “prácticas que enxergan por un lado fórmulas de construción identitaria e por outro modos de transferencia cultural na contorna dixital”, explican os editores. Por outra banda, o bloque péchase coa análise que Tina Poethe formula da “epistemoloxía subxacente ao deseño arquitectónico da Cidade da Cultura”.

Redes sociais, publicidade e educación

Internet, publicidade e redes sociais centran o segundo bloque do volume, no que o profesor Xabier Rolán reflexiona sobre como as recomendacións xeradas polas redes sociais se teñen convertido nesta era da “tecnoloxización da vida humana” nunha sorte de “xuíces dixitais”, apuntan os coordinadores da publicación. Seguindo coa mesma temática, a doutora en Comunicación Verónica Crespo, a profesora de CCSS e da Comunicación Pilar García Soidán e o investigador da Universidade da Coruña Valentín Alejandro Martínez, presentan nun artigo un “intento de medición do impacto” das recomendacións sobre películas ou series na rede social Facebook.

No relativo á publicidade, Tania Sueiro explora no libro unha das “tendencias estéticas” relacionadas co sector da alimentación en Galicia, o retrobranding, a proliferación de produtos ou marcas “inspirados no pasado” no “momento de maior desenvolvemento tecnolóxico da historia”. Joana Querido Gomes, do Instituto Politécnico do Porto, estuda a “natureza innovadora e multidimensional” dos MOOCs, os cursos masivos a través de internet, mentres o profesor do Departamento de Tradución e Lingüística Joan Miquel Vergés presenta, partindo do caso concreto da rede social Twitter, unha reflexión sobre como os social media abren “novas posibilidades para estudar a opinión pública”.

Educación e literatura constitúen, por outra banda, dúas das estacións centrais do terceiro bloque do libro, no que a doutora Lorena Areválo describe un proceso educativo vinculado á arte urbana e afonda en como este tipo de iniciativas “permiten trasladar un discurso conceptual” sobre un determinado tema ou problema; mentres que a tamén doutora en Comunicación e profesora na Universidad de Los Andes, en Chile, Beatriz Feijóo aborda o tipo de actividades que nenos e nenas prefiren levar a cabo no seu tempo de lecer, entre elas, ás relacionadas co consumo audiovisual, de videoxogos e de internet. Por último, o libro achégase cun artigo no que Mariela Sánchez “explora as novas posibilidades de expresión abertas coa escritura nos medios electrónicos” a partires da análise de como a escritora Mariana Eva Pérez, cuxos pais foron vítimas das “desaparicións” provocadas pola ditadura arxentina, reflectiu a súa propia historia, primeiro nun blog e logo nun libro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.