13/04 – Mulleres de Shakespeare

Publicado por o día 11/04/2014 na sección de Eventos

13/04 – Mulleres de Shakespeare

El Brujo inaugura a segunda parte da temporada de abonos de teatro en Vigo

  • Unha escolma dalgúns dos personaxes femininos máis emblemáticos creados por Shakespeare artellan esta nova proposta escénica
  • Rafael Álvarez El Brujo presenta o seu novo desafío dramático

 O vindeiro domingo, 13 de abril, ás 19.30 h, o Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia de Vigo acollerá o comezo da segunda parte do período de abonos de teatro coa inauguración de Mulleres de Shakespeare, a máis recente proposta teatral de Rafael Álvarez El Brujo. As entradas para este espectáculo están á venda a través das canles habituais da entidade, en www.servinova.com, na billeteira telefónica no 902 504 500, nos despachos de billetes da Central de Espectáculos, dos centros da Fundación Novacaixagalicia de Ourense, Santiago e A Coruña, e na billeteira do recinto o mesmo día do espectáculo.

Consciente da singularidade dos personaxes femininos xurdidos da pluma do bardo de Avon, o artista cordobés decantouse para o seu novo espectáculo por unha selección daquelas mulleres cuxas aventuras literarias máis o marcaron. Así pois, o público poderá mergullarse nas profundidades da análise que El Brujo fai de Beatrice (Much Ado about Nothing), Xulieta (Romeo e Xulieta), Rosalinda (Como gustedes), Katherina (The Taming of the Shrew) e mais a escura dama dos Sonetos. A idea desta peza dramática xurdiu a partir do namoramento do cordobés por esas mulleres durante unha viaxe polo Caribe.

Segundo el mesmo sinala: «Eu quería facer un espectáculo diferente, pero estando de vacacións no Caribe saíronme ao paso as mulleres de Shakespeare. Namoreime de Rosalinda, do seu maxín triunfante, da súa luz e das súas respostas. De Katherina, de Beatrice e de Xulieta, tan sublime que che fai sentir culpable de albergar calquera sentimento de ironía (pola idade, enténdese) ou de escepticismo fronte á inocente plenitude absoluta do amor romántico. En fin, ámoas.

 E penso que non é difícil amalas se se coñecen. Tamén amou Shakespeare a beleza escura da súa enigmática Dama dos sonetos. Quen era? Desde o Caribe agrándanse os ecos dese vello misterio que, parece ser, converteu a Shakespeare nunha autoridade mundial en temas de cornos».