15 días de portas abertas para probar gratis as actividades e instalacións deportivas

Na actualidade hai preto de medio millar de abonos Muvers activos
Publicado por o día 15/01/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

15 días de portas abertas para probar gratis as actividades e instalacións deportivas

Fixérono en setembro, o resultado foi un éxito e agora volven repetir. A Área de Benestar, Saúde e Deporte convida de novo a toda a comunidade universitaria a unha xornada de portas abertas nos tres campus desde este martes e ata o vindeiro día 30. “Trátase de que as persoas interesadas se acheguen as nosas instalacións, coñezan máis de preto o que ofrecemos e a flexibilidade e amplitude de horarios das diferentes actividades”, explica Alexandre Sanjorge, técnico de actividades deportivas, que valora de xeito “máis que satisfactorio”, os resultados acadados na quincena gratuíta organizada ao inicio do curso.

De xeito exclusivo para a comunidade universitaria e unicamente nas instalacións e actividades xestionadas directamente pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, durante estes quince días poderanse probar gratis calquera instalación e actividade: salas cardio – fitness, tenis de mesa, pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), rocódromo (Vigo) e bicicletas BTT (Vigo). Amais, poderase tamén participar en todas as actividades dirixidas: fitness express, cross training, ioga, running, defensa persoal, chan pelviano, escalada…

Medio millar de abonos Muvers activos

Conscientes de que o inicio dun novo ano supón unha boa oportunidade para retomar propósitos como pórse en forma, a Área de Benestar, Saúde e Deporte decidiu pór en marcha este tipo de actividades coas que animar a todos e todas a facerse usuario das instalacións deportivas da Universidade de Vigo. “Na actualidade hai preto de medio millar de abonos Muvers activos”, salientou Sanjorge, quen explica que fronte ao abono básico, que dá acceso aos vestiarios, os armarios e pistas de atletismo e é de balde para os membros da comunidade universitaria, o abono Muver permite o uso libre das diferentes instalacións e dá dereito a descontos especiais nas escolas deportivas, en programas como Augaventura e nos diferentes servizos de saúde (fisioterapia, consulta dietética, revisión médico-deportiva avanzada…).

Os abonos poden adquirirse en modalidade anual, cuadrimestral ou só de verán, con prezos que varían entre os 10 e os 180 euros, dependendo da duración e de se trata de persoas da comunidade universitaria ou alleas á mesma.

Múltiples actividades deportivas na natureza

A programación deportiva para o segundo cuadrimestre completarase con diferentes actividades na natureza (surf, pontismo, parapente, mergullo, Kaiak…) e programas xa clásicos como Augaventura e as tradicionais rutas culturais, que ano a ano seguen ganando adeptos -a próxima saída será o vindeiro día 26 á luguesa serra do Faro e as persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o vindeiro día 24-.