156 novos postos de lectura no centro de Vigo para o alumnado da Universidade a partir da vindeira semana

Cómpre o carné da UVigo para acceder ás salas, unha delas para persoas con mobilidade reducida

12 horas ao día e cinco días á semana permanecerán abertas as salas de lectura que a vindeira semana abrirán as súas portas no inmoble do número 6 da rúa López Mora, propiedade de Zona Franca, que antes albergaba o centro de informática de Abanca. En dous andares do edificio a Universidade de Vigo acondicionou varios espazos cun total de 156 postos de lectura para que o seu alumnado poida preparar, ata o 12 de febreiro, os exames do primeiro cuadrimestre. Tras o acordo acadado co Consocio e que inicialmente tamén contemplaba a posibilidade de que nese espazo se puidesen realizar exames, finalmente duas plantas do inmoble destinaranse ao estudo, nunha superficie total que dobra á da biblioteca da Escola de Enxeñería Industrial da rúa Torrecedeira. Amplíase así o número de postos de lectura cos que conta actualmente a UVigo, adaptados desde hai meses ás normativas sanitarias implantadas por mor da covid, co engadido ademais de ser neste caso un espazo “no centro de cidade, nunha ubicación excelente”, como sinalou o reitor, Manuel Reigosa.

Entre as 9.00 e as 21.00 horas de luns a venres, o alumnado que curse calquera titulación das que se imparten na Universidade de Vigo poderá facer uso a partir da próxima semana das salas: unha na planta baixa do inmoble con 15 postos, para persoas con mobilidade reducida, e outras dúas na segunda planta, con 115 postos unha e 26 a outra. Para acceder ao inmoble, que disporá de control de aforo, o alumnado terá que amosar o seu carné de estudante a UVigo.

Un novo espazo totalmente adaptado ás normativas covid

Desde que a pasada fin de semana se fixera pública a cesión temporal desta planta do edificio por parte de Zona á UVigo, a Universidade traballou no acondicionamento do espazo para que este cumpra coas normativas sanitarias, respectando as distancias entre os postos de lectura, que acadan como mínimo o 1.80 m de distancia entre eles; colocando códigos QR nas mesas e garantindo a ventilación dos espazos a traves das ventanas. A institución académica tamén foi a que se encargou estes últimos días de realizar o aprovisionamento de mesas e cadeiras dispostas nas salas de cada un dos andares.

En total a UVigo adquiríu cos cartos de medidas covid outorgados pola Xunta, un total de 1140 mesas e cadeiras, que ademas de neste inmoble se distribuíron no pavillón do campus de Vigo e no da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, así como no campus de Ourense, para a realización de exames. Coa posta en servizo destas salas, o equipo de Goberno atende a demanda en tempos de covid de habilitar máis espazos para a preparación e realización dos exames, garantindo así seguridade e saúde do alumnado.

Mentres o espazo do inmoble de López Mora estará a partir da próxima semana destinado ao estudo, no pavillón do campus vigués os exames arrancaron o pasado luns coa proba de Matemáticas para o alumnado de primeiro curso do Grao en Administración e Dirección de Empresas e continuaron o mércores coa materia Dirección de Recursos Humanos, de segundo curso deste mesmo grao. En total ao longo de todo o mes examinaranse nestas instalacións deportivas preto de 1800 alumnas e alumnos do Grao en Administración e Dirección de Empresas, se ben esta cifra é posible que se incremente se se producen novas solicitudes de uso por parte dos centros.

As bibliotecas centrais dos campus abertas nas fins de semana ata o 24 de xaneiro

Por outra banda, cómpre lembrar que ata o domingo 24 de xaneiro, as bibliotecas centrais dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra amplían o seu horario de atención ao público co obxectivo de falicitar ao alumnado a preparación dos exames do primeiro cuadrimestre. Así, estas tres instalacións estarán dispoñibles os sábados e domingos en horario ininterrompido de 09.00h a 21.00h. Tamén abre co mesmo horario a biblioteca de Torrecedeira, pero neste caso o servizo restrínxese unicamente ao estudantado da Universidade de Vigo, de xeito que non se permite a entrada ao público alleo.

Con todo, por mor da situación da pandemia da covid-19 a capacidade das salas viuse reducida, polo que dende a Biblioteca Universitaria recomendan consultar a páxina web para informarse sobre a dispoñibilidade de postos de estudo nas catro bibliotecas en tempo real.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM