16 empresas compiten para facer as obras da Deputación na rúa José del Río en Marín

O responsable de Mobilidade Uxío Benítez explica que se a climatoloxía o permite a rúa estará reformada no outono
Publicado por o día 02/04/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Marín

16 empresas compiten para facer as obras da Deputación na rúa José del Río en Marín

Dezaseis empresas acaban de presentar as súas ofertas ante a Deputación para facer as obras que o Departamento provincial de Mobilidade vai executar para mellorar a rúa José del Río no municipio de Marín. Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, os servizos técnicos provinciais están a realizar os informes de valoración para poder escoller tanto o mellor programa de traballo como a oferta económica máis vantaxosa. No mes de abril a mesa de contratación realizará a súa proposta de adxudicación, que será elevada á Xunta de Goberno para despois formalizar o contrato e realizar a acta de replanteo do proxecto.

Agárdase que as obras poidan comezar a mediados da primavera para estar rematadas como moi tarde en outono –o prazo de execución é de tres meses–, segundo dixo Benítez, quen lembrou que o orzamento de licitación dos traballos ascende a 240.584 euros. A reforma de José del Río vai ser unha realidade grazas ao convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Marín que establece que a obra será financiada con fondos provinciais integramente, dos que a Deputación aporta directamente 120.548 euros o 51 %) e o Concello de Marín outros 120.000 obtidos do PPOS-15 da institución provincial (o 49 %).

Segundo explicou en varias ocasións o deputado nacionalista o proxecto para José del Río tivo que ser reformado para adaptarse aos novos criterios provinciais: as novas beirarrúas terán 2,5 metros de largo e construirase unha pasarela peonil para dar continuidade á beirarrúa esquerda sobre o río. Así mesmo, renovarase o saneamento  para evitar vertidos no colector do río Lameira e reconstruiranse as acometidas das vivendas conectadas á rede actual, cunha rede nova de abastecemento de auga cun ramal por cada lado da rúa. Instalaranse luminarias eficientes para completar a calidade da urbanización, e haberá axardinamento con árbores liquidámbar colocados cada dúas prazas de aparcamento.