Dezaseis pasaxeiros dun tren procedente de Barcelona que chegaron a Vigo esta fin de semana permanecen en illamento domiciliario despois de que unha muller que viaxaba a bordo dese positivo por coronavirus, informaron fontes do Servizo Galego de Saúde.
Deses dezaseis pasaxeiros só tres son de Vigo e o resto, de fóra de Galicia, precisaron as fontes.
Este caso súmase ao dun pasaxeiro dun voo de Madrid que aterrou en Vigo o sábado pasado e que tamén deu positivo, o que supuxo que outras doce persoas se tiveran que illar nos seus domicilios para evitar contaxios.
O seguimento desta persoa contaxiada realízase desde a área sanitaria da Coruña. A este e a quen tivo un contacto máis estreito no citado voo efectuaráselles nos próximos días un seguimento con chamadas telefónicas diarias para preguntarlles se presentan síntomas da covid-19.
Os rastrexadores fan un seguimento dos contactos de todos os positivos
Enfermeiros, médicos e epidemiólogos, convertidos en detectives, fan un traballo de rastrexo para detectar os contactos dos pacientes positivos, illalos e controlar así a evolución da pandemia.
Cada vez que se confirma un positivo, o traballo destas persoas, é coñecer e localizar todos os contactos, para cortar polo san a cadea de transmisión.
Begoña Alonso, técnica preventivista na Xefatura Territorial de Sanidade da Coruña: “Neste momento eu creo que é o traballo máis importante. Houbo un momento en que había que dar asistencia aos casos en hospitais e centros de atención primaria porque había que resolver o cadro clínico e a situación sanitaria, pero agora estamos facendo un traballo fundamental, silencioso pero arduo”.
O primeiro é localizar a fonte e o lugar da infección. E para iso hai que revisar os contactos dos catorce días anteriores. Despois, mirar a quen puido contaxiar para o cal se repasa a súa vida desde dous días antes do inicio de síntomas.
“É dicir que imos dirixindo todo. se vai ao traballo en coche, cun compañeiro, se utiliza un medio público, cal é o traxecto a que hora, é coma se os forzásemos a facer un diario da súa vida”, explica Begoña Alonso.
Un diario en que van ser considerados contactos todos os que estiveron a menos dun metro e medio durante 15 minutos. Para os tranportes avisan a todos os que estiveron nun cadro de cinco por cinco que tivese o paciente no centro.
“Neste momento creo que todos os casos os temos controlados. Nalgún non logramos atopar a fonte de infección, son orfos, pero si temos moi delimitados todos os contactos que puido ter esa persoa”, engade Alonso.
Un traballo fundamental para cortar a transmisión da pandemia.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.