18 horas para descubrir os secretos da escalada

Peña Trevinca imparte durante seis sábados consecutivos un curso de iniciación no rocódromo do campus
Publicado por o día 25/10/2017 na sección de Universidade de Vigo

18 horas para descubrir os secretos da escalada

Unha decena persoas, entre membros da comunidade universitaria e de fóra dela, achegaranse desde este sábado 28 de outubro e ata o 2 de decembro á práctica da escalada no rocódromo do campus de Vigo. Da man de tres monitores, as e os inscritos no curso de iniciación á escalada en rocódromo que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo en colaboración co Club Peña Trevinca, terán ocasión de achegarse a un deporte que por primeira vez estará presente nunhas olimpíadas, as de Tokio 2020. O curso, que se desenvolverá durante seis sábados consecutivos entre as 10.30 e as 13.30 horas, é, segundo o presidente do Club Peña Trevinca, Carlos Garrido, “unha maneira de comezar a atraer aos estudantes a que practiquen esta modalidade deportiva, pois o certo é que engancha moito a quen o practica e cada vez haberá máis xuventude que queira facer escalada”.

Tres monitores de escalada en rocódromo titulados pola Escola Galega de Alta Montaña impartirán o curso, no que se ensinarán uns conceptos teóricos que a continuación se porán en práctica. “O importante é non comezar con malas prácticas. Como noutras cousas é moito mellor no coller malos vicios ao principio, que na escalada tamén os hai”, sinala Garrido, que en relación coa necesidade de que as e os participantes teñan unhas condicións físicas concretas para practicar este deporte, asegura que “mentres non se practique non se saberá as condicións de cada un e a capacidade de mellora”.

Difusión das actividades de Peña Trevinca a través da Universidade

A finais do ano 2016 a Universidade de Vigo e o Club Peña Trevinca chegaron a un acordo de colaboración, que se plasmou a principios de 2017 nun convenio polo que a institución académica difunde as accións do club e facilita que organice actividades específicas de escalada e utilicen o rocódromo, que Garrido recoñece que precisa “unha pequena posta ao día, que parece que pronto se vai acometer. Para impartir este curso está aceptable e se logo se mellora sería estupendo para que as persoas que xa teñen coñecementos básicos, logo practiquen”.

Sendeirismo e montañismo coa sección infantil, son outras actividades que o Club Peña Trevinca pretende desenvolver en colaboración coa Universidade de Vigo, a única institución coa que o club colabora neste intre.