180 de estudantes de institutos de Pontevedra e Ourense participan na undécima edición da Olimpíada de Xeoloxía

As e os gañadores competirán na final nacional que se celebrará en Cuenca en marzo
Publicado por o día 12/02/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

180 de estudantes de institutos de Pontevedra e Ourense participan na undécima edición da Olimpíada de Xeoloxía

Preto dun cento de estudantes da ESO e Bacharelato da provincia de Pontevedra e outros 80 da de Ourense participan este mércores na fase galega da Olimpíada de Xeoloxía que se celebra na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, en Vigo, e na Facultade de Ciencias, en Ourense. Ao longo da mañá, os mozos e mozas realizaron varias probas prácticas a modo de xincana, quedando a tarde reservada para os exames teóricos.

No caso de Vigo, o programa complétase cunha serie de actividades guiadas que organizou a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía para que as e os participantes se acheguen aos diferentes ámbitos nos que o coñecemento da xeoloxía é un recurso necesario. Así, está programado un obradoiro sobre a intervención microscópica na arte urbana, un taller sobre arte, minerais e falsificación, outro sobre visión infravermella e un último sobre xeotecnia. No caso de Ourense, está programa un relatorio do profesor Pedro Araujo sobre os graos   que ofrece a Facultade de Ciencias.

Á última hora da tarde coñeceranse os resultados da probas e as tres persoas que obteñan as mellores cualificacións quedarán clasificadas para a fase española, que terá lugar o 28 de marzo en Cuenca.

Un xeito de espertar vocacións científicas

No campus de Vigo participan un total de 96 estudantes dos institutos A Basella, A Paralaia, Beade, María Soliño, Primeiro de Marzo, República Oriental do Uruguai, Ribeira do Louro, Rodeira, San Paio, Teis e Terra de Turonio. Todas e todos eles, xunto cos seus profesores, foron recibidos ao comezo da xornada pola directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Elena Alonso, e pola delegada en Galicia da Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra, Alicia López.

A directora da EEME fixo fincapé en que “actividades coma esta axudan a fomentar o interese polos estudos e contidos relacionados coas Ciencias da Terra e contribúen a xerar vocacións científicas e tecnolóxicas entre o estudantado que participa nestas probas”. Ademais de darlle a benvida ás e ós participantes, Alonso convidounos a aproveitar o tempo libre entre as diferentes probas para “coñecer a colección de minerais que temos aloxada no centro”. Tamén agradeceu ás profesoras e profesores acompañantes a súa implicación na actividade remarcando que “é o profesorado o que, mediante un traballo extraordinario, demostra o seu interese por participar e guiar unha actividade que é complementaria e moi necesaria para a formación de Ciencias da Terra”.

Pola súa banda, Alicia López reiterou o agradecemento ao alumnado e aos centros por “incorporarse a esta iniciativa, que non é só un pretexto para faltar a clase ou demostrar o que se coñece da xeoloxía, senón que se trata de compartir a inquedanza polo noso planeta, pola xestión racional dos recursos e porque, realmente, todo o que facemos e do que gozamos ou padecemos ten que ver coa xeoloxía”. Así, considera que esta xornada tamén está destinada “a reivindicar o importante que é saber da xeoloxía, non só pola cultura senón para ser cidadáns que saben defender os seus dereitos”.

Un cita que medra cos anos

Na súa intervención, a delegada en Galicia da Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra lembraba como esta olimpíada botaba a andar hai once anos “como algo máis tímido” que se facía nunha única sede en Galicia e foi medrando de ano en ano. Esta décimo primeira edición celébrase simultaneamente en cinco sedes (A Coruña, Santiago, Ourense, Lugo e Vigo) coa recente incorporación do Colexio Oficial de Xeólogos. Tamén se incrementou o número de participantes, dándose cita nesta ocasión no campus de Vigo 11 institutos, fronte aos “cinco ou seis noutras edicións”. López concluiu agradecendo á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía o seu apoio en todas as edicións, “realmente é unha das grandes impulsoras e clave fundamental para poder desenvolver a Olimpíada”.