20 diapositivas, 20 segundos e unha oportunidade para destacar na improvisación oral

Publicado por o día 03/04/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

20 diapositivas, 20 segundos e unha oportunidade para destacar na improvisación oral

Temáticas descoñecidas, un tempo limitado e moita capacidade de improvisación son os tres ingredientes do concurso EME-Pakuxa que este mércores celebrou a Escola de Minas e Enerxía. Participaron neste certame catro estudantes do centro organizador, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, de Bioloxía e de Ciencias do Mar. Cada un deles e delas afrontaron o reto de demostrar as súas capacidades como oradores ante o público e ante un xurado composto por tres representantes do alumnado, o persoal de administración e servizos e o corpo docente da EME.

Cada participante tivo que amosar a súa capacidade de improvisación disertando durante 20 segundos sobre cada unha das 20 diapositivas que lles propuxo a organización. Santiago Pozo-Antonio, subdirector de Relacións Exteriores e Mobilidade da escola, explica que cada unha das imaxes propoñía un tema, un contido sobre o que tiñan que disertar, pero co reto de unir unhas diapositivas con outras, de cambiar de tema e facelo con coherencia”. A organización do certame seleccionou as 20 imaxes adaptándose ao perfil de cada un dos participantes, para incluír en cada caso non só tema relacionados coa súa formación, senón tamén contidos relacionados coa formación dos seus contrincantes, aumentando así o reto”, recoñece Pozo.

En total, cada un dos catro participantes abordou os 20 temas propostos durante algo máis de seis minutos e o xurado valorou principalmente a tranquilidade amosada na exposición, a coherencia, a cohesión e a capacidade de fiar cada un dos 20 temas propostos para cada un deles. Finalmente, a gañadora foi Andrea Noche, estudante de Ciencias do Mar.

Comentar noticia

Your email address will not be published.