20 organizacións levan a defensa do patrimonio cultural e natural do monte galego ao Parlamento Europeo

Reivindican que a conservación dos bosques autóctonos vai aparellada á protección do patrimonio cultural e o recoñecemento da nosa historia
Por o 07/12/2017 | Sección: AGE,Política
20 organizacións levan a defensa do patrimonio cultural e natural do monte galego ao Parlamento Europeo
Grande parte do patrimonio cultural da Galiza está situado nos nosos montes, que ocupan máis de dous terzos do territorio. Estes espazos non só foron dende antigo fonte de subsistencia do pobo galego, senón tamén testemuñas excepcionais da nosa historia, acollendo milleiros de petróglifos, arredor de 5.000 castros e máis de 7.000 túmulos e megálitos funerarios. Sen embargo, debido ao desleixo da Xunta de Galicia e á súa connivencia cos intereses privados, na actualidade os montes galegos están sometidos ás directrices e regulacións impostas por un sector forestal orientado á produción de madeira barata, provocando unha destrución masiva de xacementos arqueolóxicos, destruíndo polo tanto tamén patrimonio cultural europeo.
Ao fío da conmemoración do ano 2018 como Ano Europeo do Patrimonio Cultural, co obxectivo de internacionalizar a través do  Parlamento Europeo (PE) a situación de risco na que se atopa o patrimonio galego, a eurodeputada galega Lídia Senra (Grupo da  Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea, GUE/NGL) convocou a 20 colectivos sociais que traballan neste ámbito para desenvolver durante o día de hoxe, mércores 6, e mañá, xoves 7, dúas xornadas de traballo baixo o título “Defensa do patrimonio galego fronte á eucaliptización”.
“A través da decisión conxunta do Parlamento Europeo e do Consello de adicar todo o ano 2018 á posta en valor do patrimonio, subliñouse moi especialmente o seu valor social, destacando que é un ben común que é necesario coidar e transmitir ás futuras xeracións. É máis, a Comisión Europea distingue como unha responsabilidade común o coidado do patrimonio cultural europeo”, explicou Senra. “Neste contexto, queremos chamar a atención sobre o feito de que unha administración pública como é a Xunta de Galicia está a incumprir expresamente todo o recollido nesta decisión, e faremos todo o que estea nas nosas mans para levar adiante as iniciativas propostas dende as organizacións sociais para correxir esta situación”.
Voceiras destas 32 persoas desprazadas a Bruxelas trasladarán hoxe directamente ao ente comunitario a as súas análises e reivindicacións, a través dunha xuntanza esta tarde con eurodeputadas/os alemáns dos Verdes e do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) –actualmente o 23% da produción de ENCE está destinada ao mercado alemán-, e mañá con representantes da Dirección Xeral de Medioambiente da Comisión Europea.
Aliás, tamén mañá, de 17.00 a 19.00hrs., terá lugar unha xornada de debate e intercambio para a posta en común de análisis e solucións, ao redor de tres eixos temáticos principais: “A destrución do patrimonio galego por parte do sector industrial madeireiro”, “O desleixo da Xunta de Galiza co patrimonio cultural galego. A problemática dos incendios” e “Artellando solucións para protexer o patrimonio fronte á eucaliptización”.
Rubens Rocha

Nado en Vigo hai 35 anos. Nacionalista Galego, Fotoxornalista, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.