200 estudantes e graduados das universidades de Galicia e o norte de Portugal buscan xuntos novas oportunidades de negocio

A conferencia inaugural correu a cargo do responsable de negocio para España e Portugal de Google
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Universidade de Vigo

200 estudantes e graduados das universidades de Galicia e o norte de Portugal buscan xuntos novas oportunidades de negocio

200 estudantes e graduados/as das universidades de Galicia e o norte de Portugal compartindo experiencias emprendedoras durante dous días. Este é o espírito co que este xoves bota a andar no campus de Vigo o V Encontro Internacional de Xóvenes Emprendedores – Campus Abanca, unha cita encadrada nos actos de celebración do 50 aniversario dos estudos de Economía en Galicia, eminentemente práctica e que busca pór o acento sobre as oportunidades que se abren para a comunidade universitaria galega e portuguesa no escenario actual, un escenario caracterizado, segundo se transmitiu nas diferentes intervencións que tiveron lugar esta mañá, pola desaparición das fronteiras e un protagonismo case total das novas tecnoloxías.

“A universidade do século XXI ten que ter claro que non se pode limitar a formar”

Coincidiron na inauguración, no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, representantes da administración pública, tanto autonómica como local; da universidade, tanto galega como portuguesa, e tamén do sector financeiro, representado neste caso por Abanca, e todos coincidiron en sinalar a necesidade de fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado universitario e pór, cada un dentro das súas posibilidades, toda a axuda que sexa necesaria para facilitar este camiño. “A universidade do século XXI ten que ter claro que non se pode limitar a formar, senón que ten que ter non só o compromiso, senón a obriga, de axudar a crear emprego e facelo apoiando ao noso alumnado na inserción no mundo laboral e, sobre todo, en mellorar as súas capacidades para xerar autoemprego”, subliñou o reitor, Salustiano Mato. Ao seu carón a directora xeral de Xunventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez, e o concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Vigo, Jaime Aneiros, fixeron fincapé en que o encontro “é un claro exemplo de unión de esforzos e medios entre administracións”, segundo Vázquez, ao que Aneiros engadiu que a mensaxe é “única e clara, tedes que animarvos a emprender e contade para iso con nós, a administración, as entidades financeiras e tamén a Universidade, que é onde xorden as ideas”.

En representación das universidades portuguesas, o presidente do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Rui Teixeira, retou aos asistentes a prepararse para vivir a escala mundial e buscar negocios que se adapten a esta nova realidade social, un aspecto no que tamén fixo fincapé Santiago Novoa, director de Banca Institucional de Abanca. “Xogades nun ecosistema no que competides con grandes empresas tecnolóxicas con enormes posibilidades e todos debedes familiarizarvos con isto e ver as cousas que vos vaian xurdindo sempre en clave de oportunidade. Neste camiño podedes contar con nós como socio para emprender e medrar”, destacou o representante de Abanca. Pola súa banda o decano da facultade, Santiago Gómez Fraiz, insistiu no carácter formativo dun evento “que serve tamén par estreitar lazos entre as institucións educativas galegas e portuguesas, así como con outro tipo de entidades, polo que penso que estamos no inicio dun camiño que penso, debería dar moitos máis froitos”.

Google como exemplo

A conferencia inaugural correu a cargo de Adolfo Fernández, responsable de negocio para España e Portugal de Google. Nado en Boiro e graduado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, o poñente iniciou a súa carreira profesional nunha start up da propia universidade para pasar despois a recalar na multinacional americana, onde orienta a empresas de todo tipo na adaptación ao negocio en liña. “Esa start up centrábase en desenvolver solucións de procesamento natural e a día de hoxe o corazón de todas as iniciativas e proxectos que temos en Google son a mesma tecnoloxía. O que quero dicir con isto é que hai que sacarlle o máximo partido a cada vivencia que teñamos porque nunca sabes cando che vai poder ser útil”, recalcou Fernández.

Na súa intervención fixo partícipe á audiencia de todos os cambios que se están a producir coas novas tecnoloxías. “Hoxe falamos de emprendemento, pero gustaríame extrapolar todo isto a calquera outro ámbito da vida”, salientou Fernández. Na súa intervención destacou tres puntos principais: a capacidade de trato interlocutor; coñecer ao público e a súa audiencia e ser quen de interpretar rapidamente se o seu proxecto vai funcionar ou non “e, se ven que non, dirixir as súas miradas a outros proxectos ou iniciativas que poidan ser máis frutíferas para eles”.

Para exemplificar estas ideas, Fernández reproduciu unha serie de vídeos co obxectivo de mostrar ao público “o que a tecnoloxía trasladou á sociedade e viceversa”, ademais de “como impactou nos modelos de negocio”, nunha era na que a xente “xa non se conecta a internet, senón que vive conectada” .

Tantas posibilidades como ideas

Tras a conferencia inaugural tivo lugar unha mesa redonda dedicada a reflexionar sobre o éxito nas iniciativas empresariais e que contou con emprendedores e emprendedoras de diferentes sectores que relataron as experiencias vividas no desenvolvemento das súas empresas: Monet Tecnologías, Opseeker, Torusware, Sal y Laurel e Green Way, a empresa que gañou o ano pasado o concurso que cada ano se convoca ao abeiro deste encontro.