200 persoas na andaina polo Paseo do Louro con motivo do Día Internacional da Muller

Ao igual que o ano pasado asistiu a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella
Publicado por o día 09/03/2018 na sección de Galicia,Vigo

200 persoas na andaina polo Paseo do Louro con motivo do Día Internacional da Muller

A choiva non amedrentou á veciñanza mosense na segunda edición da andaina polo Paseo do Louro con motivo do Día Internacional da Muller que logrou congregar, ao igual que o ano pasado, a 200 participantes.

Onte pola tarde celebrouse un acto conmemorativo do Día Internacional da Muller do Concello de Mos consistente nunha andaina polo Sendeiro Ecolóxico do Río Louro partindo do Parque da Pesqueira, na parroquia de Mos. Estiveron presentes Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade, Ignacio López Chaves, delegado Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social e Igualdade de Mos, os tamén edís mosenses Julia Loureiro e Óscar Soto e outros membros da Corporación Municipal de Mos. O acto congregou a 200 persoas de todas as idades, homes e mulleres, nenos/as e adultos.

Este paseo, que resultou ser multitudinario, organizouse como símbolo da reivindicación feminina do seu espazo na sociedade, como un grito unánime das mulleres de Mos para que se escoite a súa voz, para que se oia e se visibilice a súa valía persoal, profesional e social.

Tras a andaina polo Sendeiro Ecolóxico do Río Louro, os participantes na actividade dirixíronse ao Pazo de Mos, onde se produciron as intervencións da alcaldesa, Nidia Arévalo, da Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a conferencia a cargo de Rocío Rial, especialista en Igualdade.

Partido de Fútbol Xogamos [email protected]

Os representantes municipais aproveitaron para lembrar que, vistas as previsións meteorolóxicas moi adversas por intensa choiva, o partido que estaba previsto para o domingo 11 de marzo, queda aprazado para o domingo 8 de abril ás 11.30 horas no Campo de Fútbol das Baloutas.

No devandito partido participarán mulleres do Equipo de Fúbol Feminino Unión Deportiva Mos e de diversas asociacións mosenses entre as que se atopan, A Cividade, C.C. Abrente, C. Guizán, A.V. Dornelas, R.C. Torroso, Palilleiras de Mos, San Martín de Tameiga, A.E.C.C, MosAxuda, C.C.D. Santa Eulalia, As Pedriñas, A.V. Nosa Terra, C.C.S. Herville, Mulleres Rurais, Esclavas Virxen Dolorosa, A.V. Chan do Bosque, A.V. Ledicia, A.V. Santa Ana, A.V. Petelos, San Rafael de Pereiras, Mulleres de Teatro en Igualdade, Celado de Cela, ASODIFISI, ASOMAMOS.

Os representes municipais e as xogadoras do Mos animan á veciñanza mosense a asistir como público a este partido no que haberá animación musical con DJ e que será unha auténtica festa en defensa da igualdade. Así espérase que o máximo número de veciños/as acudan a animar ás xogadoras e a pasar un rato divertido en familia.

Neste encontro xogarán tamén integrantes da Corporación Municipal entre as que se atoparán a alcaldesa e as concelleiras Cebreiro e Loureiro. Outras personalidades femininas de relevancia aportarán tamén o seu graíño de area a favor da igualdade participando neste partido, tales como a bailarina mosense Patricia Martínez, a atleta mosense Soledad Castro, etc.