O movemento “2020: Rebelión polo clima” (que se forma a partir do movemento europeo “By2020 we rise up”) é unha plataforma de acción non violenta fronte á crise climática e ecolóxica que apela á diversidade de loitas, e fai un chamamento a rebelarse dende a solidariedade e a empatía contra o sistema de explotación, para o que facemos uso de tantas ferramentas non violentas de cambio social, baixo o paraugas da xustiza climática.
Entendemos que fomentar o consumismo é un despropósito que vai en contra do comportamento sustentable que todas deberíamos ter co noso planeta, así como unha das principais prácticas capitalistas que nos teñen levando á emerxencia climática.
As luces de Nadal de Vigo, responden ao ostentoso tanto na súa instalación como na súa promoción e gardan unha finalidade clara: fomentar o consumismo e a compra compulsiva e irracional, algo que non fai máis que perpetuar un modelo económico incompatible co modelo sustentable de vida que se supón, debemos adoptar para asegurar o noso futuro. Entendemos, ademais, que as decoracións de Nadal supoñen un importante malgasto de cartos, que se poderían empregar para fomentar comportamentos de respecto ao medio, máis cando o Concello de Vigo aprobou no pleno de setembro a moción presentada para a Declaración da EMERXENCIA CLIMÁTICA. Compre que a mesma non sexa unha simple declaración baleira de contido e responda á responsabilidade que se espera dos nosos representantes.
Ante a falta de resposta dos gobernos, nós si actuamos. Cada vez con máis forza nas seguintes ondadas, con determinación e novas estratexias. Pero tamén con alegría, amor e unha rabia imparables.
En Galiza, somos persoas de varias organizacións as que nos sumamos a esta iniciativa, para actuar dende o ámbito local e darlle forza a este movemento. Dende Extinction Rebellion, ECOAR))) Global, Ecoloxistas en Acción… apoiamos a iniciativa a nivel Ibérico (2020: Rebelión por el clima) e participamos nela.
Manifesto
O día 23 de Novembro, “2020:Rebelión polo Clima” realizamos unha acción directa non violenta en Vigo, coincidindo co acto de acendido das luces de Nadal en Vigo. O obxectivo é visibilizar e chamar a atención sobre o problema do consumismo. Escollemos este momento por considerar o mesmo o foguete de saída do período de máis consumo innecesario do ano.
Entendemos que fomentar o consumismo (non confundir con consumo) é un despropósito que vai en contra do comportamento sustentable que todas deberíamos ter co noso planeta. Apoiase, ademais, nunha profunda insolidariedade norte sur; ao ser o norte opulento quen o desfruta e o Sur empobrecido quen padece as súas consecuencias negativas. O CONSUMISMO é unha das principais prácticas capitalista que nos ten levando á EMERXENCIA CLIMÁTICA, pois a fabricación e distribución de calquera produto supón consumo de enerxía e polo tanto emisión de CO2 á atmosfera.
A decoración do Nadal así como a publicidade destas datas están feitas por e para fomentar o consumismo. O período do Black friday e Nadal son as datas nas que máis se consume de xeito irracional do ano, e encarna un comportamento social enfermizo coas persoas, co medio ambiente e o clima. Este consumo innecesario non está pensado para cubrir as necesidades das persoas, para levar unha vida plena e digna. É unha consecuencia do actual modelo económico baseado na acumulación de riqueza mediante o fomento do consumo non necesario. Vivir baixo este modelo económico significa vivir baixo un modelo que non ten en conta a vida das persoas, os animais e o planeta. Foméntase que consumamos de forma desproporcionada e irracional o que provoca o malgasto e fin dos recursos do planeta, xerando inmensas cantidades de residuos que contaminan os mares, a terra, o aire.
As luces de Nadal de Vigo son un exemplo máis de perpetuación desta situación. Crear unha atmosfera agradable para que as persoas merquemos compulsivamente obxectos que non precisamos ten a finalidade de perpetuar un sistema económico que se paga co prezo da destrución do planeta e de nós mesmas.
Entendemos, ademais, que as decoracións de Nadal supoñen un gasto enorme de cartos, para as arcas municipais. Vigo non é unha excepción. Unha cidade pequena como esta debería empregar estes cartos en fomentar comportamentos e actitudes de solidariedade veciñal, de respecto ao medio ambiente e sobre todo de loita contra a mudanza climática, pois unha vez que por parte do Concello de Vigo se ten aprobado a EMERXENCIA CLIMÁTICA compre que a mesma non sexa unha simple declaración baleira de contido, sen esforzo económico e de comportamento individual e colectivo, e responda á responsabilidade que se espera dos nosos representantes.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.