O traballo científico é un dos motores do avance da humanidade, os froitos da investigación e a innovación serven para subir chanzos na evolución e na mellora da vida dos seres humanos e do planeta Terra en xeral. Eses froitos son o fío condutor do almanaque para 2020 da Área de Normalización Lingüística. Baixo o lema A investigación dá froitos, cada mes está asociado a unha froita: carambola, mangostán, chirimoia, lichi, maracuxá, papaia, pitaia, rambután, tomate de árbore, durián, caqui e milgranda. Xunto coas doce froitas, doce grupos de investigación da Universidade de Vigo comprometidos coa defensa e visibilización da lingua galega no eido científico. E é que na institución académica este 2020 será o ano da divulgación científica en galego, polo que dende a ANL agardan que este calendario axude a unha dobre función: por unha banda, dar a coñecer o traballo dunha pequena selección de grupos de I+D e, por outra, situar o idioma propio como vehículo para a comunicación científica. Xunto a cada grupo e cada froita, unha frase de grandes científicos e pensadores da historia da humanidade, como Isaac Newton, Castelao, Ramón y Cajal ou Rosalind Franklin.
O almanaque pódese obter en formato físico ou descargalo en formato dixital da páxina da ANL.
O 2020, mes a mes
Xaneiro arranca co grupo de Oceanografía Biolóxica, do Centro de Investigación Mariña da UVigo, que estuda as interaccións entre os microorganismos que habitan os océanos e o seu ambiente, co fin de comprender a súa diversidade, os seus patróns de distribución e as súas respostas ante cambios ambientais, incluídos os causados pola actividade humana.
Febreiro está dedicado ao Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación, Ecoevo, tamén do CIM, un equipo que estuda os procesos ecolóxicos que teñen lugar no referido a niveis xenéticos, individuais e nos ecosistemas, traballando fundamentalmente con organismos de augas doces e ecosistemas forestais.
En marzo os protagonistas son os membros do Grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica (CIM), que desenvolven diversas liñas de investigación de diferentes ámbitos dentro das ciencias da terra, como o estudo dos sedimentos mariños, das variacións e a evolución da oceanografía e da climatoloxía ao longo da historia xeolóxica da terra, e os procesos e os ciclos bioxeoquímicos que nela se desenvolven.
O mes de abril é para o Grupo de Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia e que aborda cuestións relacionadas co medio rural, tratando de explicar o seu devalo e buscando estratexias para potenciar o seu desenvolvemento humano, sempre baixo a premisa da necesidade dunha profunda transformación do sistema económico e das súas principais institucións.
O Grupo de Neurobioloxía das lampreas protagoniza o mes de maio explicando como esta especie é un modelo de estudo en varios campos da ciencia, entre eles a evolución do cerebro dos vertebrados.
A páxina de xuño é para o Grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible EQ2, do Cinbio, que se centra no deseño de novos procesos para valorar os distintos compoñentes da biomasa vexetal e algal, co obxectivo de obter produtos de elevado valor engadido para aplicacións das industrias química, alimentaria, farmacéutica e cosmética.
O Grupo dx5digital & graphic art research ocupa o mes de xullo. As e os investigadores deste equipo especialízanse na arte contemporánea de campo expandido, priorizando un triplo enfoque da investigación nas belas artes, en que se mesturan teoría fundamental, análise científica e praxe artística.
O grupo de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña (Ecotox) amosa no mes de agosto as súas liñas de traballo sobre os efectos dos contaminantes nos ecosistemas. Este equipo traballa na compilación de información que achegue fundamentos científicos para elaborar criterios e normas ambientais útiles para a protección do noso mar.
O derradeiro mes do verán é para o Laboratorio de Micoloxía, do Grupo de Bioloxía Ambiental 2, que se dedica ao estudo e ao coñecemento dos fungos produtores de cogomelos (macromicetos), tanto desde o punto de vista de catalogación, clasificación e autoecoloxía (taxonomía) coma no relacionado cos usos ancestrais, presentes e futuros destes seres vivos en Galicia, co fin de desenvolver un aproveitamento sustentable no mundo forestal galego.
O outono chega co Grupo de Medicina e Saúde Pública, que se dedica á promoción da saúde e prevención de problemas que afectan á saúde física, mental e social, e ós aspectos relacionados coas enfermidades máis persistentes na sociedade, como son as reumáticas, cardiovasculares, cancro, etc.
O Grupo de Investigación de Lingua Española e Linguas Signadas (Griles) é o escollido para o mes de novembro. O seu traballo céntrase en contribuír a mellorar o status da LSE na sociedade e o recoñecemento da LS como lingua natural da comunidade xorda.
O 2020 péchase co Grupo de Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa: SiDOR, o único do sur de Galicia especializado en estatística e investigación de operacións, campo de coñecemento que se ocupa da modelización matemática para a toma de decisións baixo incerteza.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.