219 dos 313 concellos galegos, é dicir, o 70%, quedan libres xa na súa totalidade de franxas horarias para pasear e facer deporte en base aos novos criterios establecidos hoxe polo Goberno central. Tamén poden abrir os espazos interiores de bares e restaurantes. Trátase de concellos de menos de 10.000 habitantes que teñen unha densidade poboacional inferior a 100 habitantes por quilómetro cadrado. A gran maioría deles xa tiñan parroquias libres de franxas pero agora amplían esa potestade a todo o seu termo municipal e tamén ven reducidas as medidas de confinamento.
O ministro de Sanidade anunciara a medida o día 17 pero non foi ata hoxe cando se concretou no Boletín Oficial do Estado (BOE). De feito, inclúe criterios diferentes aos sinalados no caso dos concellos e parroquias de menos de 5.000 habitantes, cando non se tiña en conta a densidade poboacional.
Ademais, a orde publicada hoxe no BOE está dirixida a aqueles territorios en fase 0 e 1. Polo tanto, en Galicia só estará vixente esta fin de semana, xa que vén de confirmarse que o próximo luns todo o territorio galego pasará a fase 2. Novamente, a Delegación de Goberno en Galicia pediu á Xunta que interpretara a orde do Goberno central, a diferenza do ocorrido en Asturias, onde foron os propios concellos os que aplicaron a norma. A Administración autonómica remitiu hoxe á relación dos 219 concellos ao delegado do Goberno.
Ao incluír o criterio da densidade faise imposible aplicar esta norma por parroquias individualizadas, xa que ningunha das situadas en concellos de entre 5.000 e 10.000 habitantes reuniría este requisito, e, polo tanto, non se sumaría ás que xa teñen liberdade de franxas. A pesares disto, as parroquias de menos de 5.000 habitantes que non cumpran o novo criterio de densidade incluído no BOE manterán, segundo a Xunta, a súa liberdade de franxas para pasear e facer deporte como ata o de agora, xa que non se entendería que agora se visen prexudicadas.
Cómpre engadir, que a Xunta de Galicia non recibiu resposta á súa solicitude da semana pasada, na que pedía que se eliminasen as franxas horarias e a limitación de non poder saír do municipio na práctica deportiva en todos os concellos galegos, independentemente do número de poboación.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.