23.000 firmas contra un investimento español que vulnerou os dereitos indíxenas

Publicado por o día 04/11/2016 na sección de Amigos da Terra,Medio Ambiente,Social,Vigo

23.000 firmas contra un investimento español que vulnerou os dereitos indíxenas

Amigos da Terra xunto a Alianza por la Solidariedad, entregou onte ao embaixador de Guatemala 23.000 firmas para esixir a retirada definitiva da empresa española Ecoener-Hidralia do país, tras atentar contra os dereitos das comunidades indíxenas e locais. Levamos a cabo esta acción simbólica conxunta para levar ante os representantes do Goberno de Guatemala en España a voz das comunidades de Guatemala e de todas as persoas que apoiaron a campaña en defensa das comunidades afectadas e contra a actuación da empresa.

Ecoener-Hidralia entrou en Guatemala no ano 2007 coa intención de construír un proxecto hidroeléctrico no río Canbalam, no territorio indíxena de Santa Cruz de Barillas. A empresa asentouse no país vulnerando os dereitos das comunidades residentes na zona. Non só violouse o dereito a unha consulta previa sobre a obra, libre e informada, senón que Ecoener-Hidralia fomentou a represión contra os líderes das comunidades que se opuxeron a ela, situación que desencadeou encarceramentos arbitrarios e varios asasinatos destes líderes. Ante a falta de consenso, as propias comunidades realizaron unha consulta popular onde máis do 90% da poboación opúxose de forma tallante ao proxecto da empresa galega.

Vulneración sistemática dos dereitos indíxenas

Fronte aos procesos de criminalización por parte dos promotores da represa, organizacións guatemaltecas e españolas realizaron numerosas accións de apoio a favor das comunidades da rexión. En concreto, Alianza pola Solidariedad e Amigos da Terra iniciamos unha recollida de firmas na que se esixía á empresa a retirada do territorio e o cesamento das accións contra as poboacións indíxenas, firmas que se entregaron ao embaixador de Guatemala en España, Fernando Molina Girón, para pór no seu coñecemento a situación das comunidades.

Esta acción é o broche final dun ano de mobilizacións a favor das comunidades de Barillas, onde demos a coñecer un dos casos máis graves de violación dos dereitos humanos”, declarou Almudena Moreno, coordinadora de desenvolvemento sustentable de Alianza pola Solidariedade e responsable da campaña TieRRRa.Ecoener-Hidralia debe retirarse do país dunha vez por todas, cancelar calquera expectativa de proxecto nesta rexión onde viven comunidades locais vinculadas ao río, para evitar así que o conflito social e ambiental empeore”, argumentou.

Pola súa banda, Alejandro González, coordinador de Amigos da Terra manifestou que se levaron a cabo numerosas accións de solidariedade coas comunidades de Barillas. Documentáronse os atropelos ocorridos na rexión, que se denunciaron en diversas accións tanto en Guatemala como en España. Agora que Nacións Unidas resolveu establecer un mecanismo vinculante sobre dereitos humanos e empresas, esperamos que deixen de existir casos como o de Barillas e a empresa española Hidralia en territorio foráneo”.

O caso de agresión aos dereitos humanos na zona de Barillas presentouse a semana pasada ante a ONU, co fin de demostrar a necesidade dun tratado vinculante internacional que acabe coa impunidade de empresas multinacionais ante as violacións de dereitos humanos e ambientais que cometen coas súas operacións no estranxeiro.

As organizacións seguirán mobilizándose e dando seguimento ao caso até lograr o abandono definitivo e o cesamento das agresións por parte da empresa Ecoener-Hidralia. Polo momento, grazas á mobilización social, conseguiuse a posta en liberdade sen cargos de varios líderes comunitarios, que estiveran presos durante máis dun ano.