25 anos de cárcere piden para un acusado de abuso sexual a unha menor discapacitada en Vigo

Publicado por o día 03/11/2019 na sección de Galicia,Vigo

25 anos de cárcere piden para un acusado de abuso sexual a unha menor discapacitada en Vigo

A Fiscalía solicita penas que suman 25 anos e medio de cárcere para un home acusado de dous delitos continuados de abusos sexuais a unha menor de 16 anos, e doutro delito do artigo 183 ter.1 do Código penal, por concertar citas coa vítima a través do teléfono móbil.
 
O acusado será xulgado este xoves na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo e, ademais das penas de prisión, o ministerio público solicita que se lle impoña a prohibición de achegarse á moza durante 41 anos; así como a medida de liberdade vixiada durante 19 anos (e a obrigación de participar en programas de reeducación sexual).
 
Segundo o escrito de acusación pública, a vítima, de 15 anos de idade e cunha discapacidade do 33 por cento (discapacidade intelectual leve), durmiu en casa do acusado, na mesma cama, en xuño do 2017. O procesado aproveitou esa circunstancia para realizarlle tocamentos e tentar penetrala vaginalmente.
 
Meses despois, vítima e acusado iniciaron o contacto a través de whatsapp, e o procesado fíxose pasar por unha muller chamada Lara, de Valencia, para gañarse a confianza da menor e facerlle crer que botaba as cartas. Facéndose pasar por esa persoa, tentaba convencer á nena para que mantivese relacións sexuais co acusado.
 
Finalmente a menor accedeu e quedou, a través de whatsapp, polo menos en dúas ocasións con este home, con quen se atopou en zonas de monte apartadas en decembro de 2017. En ambas as ocasións, o acusado abusou sexualmente dela, sabedor de que era menor de 16 anos.
 
Por estes feitos, a Fiscalía pide para o procesado 11 anos e 3 meses de cárcere por cada un dos dous delitos continuados de abuso sexual, así como 36 anos de afastamento da moza e 16 anos de liberdade vixiada. Polo delito do articulo 183 ter.1 do Código penal (relativo aos contactos por teléfono para concertar encontros e abusar da moza), pide a pena de 3 anos de cárcere, 5 anos de afastamento e 3 anos de liberdade vixiada.