26 investigadores e investigadoras da UVigo, no ránking dos máis citados da Stanford University

David Posada sitúase como noveno no mundo no campo da Bioloxía Evolutiva
Publicado por o día 30/11/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

26 investigadores e investigadoras da UVigo, no ránking dos máis citados da Stanford University

Unha das facianas do traballo investigador é a difusión dos avances acadados en publicacións científicas. As citas que unha ou un investigador ten, a súa cantidade e o tipo de publicacións nas que se inclúen, son tidas en conta en diferentes eidos académicos e investigadores. Co obxectivo de ofrecer “información estandarizada sobre citas”, desde a Stanford University púxose en marcha unha base de datos que recolle os indicadores das e dos investigadores máis citados do mundo nos diferentes campos de coñecemento. Nela, a Universidade de Vigo conta coa presenza de 26 científicas e científicos, encabezados polo catedrático David Posada, que ocupa no campo da Bioloxía Evolutiva o primeiro posto en España e o noveno no mundo en canto a citas.

A base de datos de finais de 2019 foi publicada recentemente, baseada no traballo de PLOS Biology, e está coordinada por John P. A. Ioannidis, de Stanford University (USA); Kevin W. Boyack, de SciTech Strategies, Inc. (USA) e Jeroen Baas, de Research Intelligence, Elsevier B.V (Países Baixos). Segundo explican na súa presentación, ante o feito de que as métricas de citas empréganse amplamente pero de xeito incorrecto, puxeron en marcha esta base de datos dispoñible publicamente e que enumera case 160.000 científicas e científicos “de primeiro nivel”, é dicir, investigadores no 2% superior de citas, proporcionando de cada un información estandarizada sobre citas, índice h, índice hm axustado por coautoría, citas de artigos en diferentes posicións de autoría e un indicador composto, entre outros aspectos, proporcionando métricas con e sen autocitas. A base de datos abrangue 22 campos científicos e 176 subcampos e permite coñecer os resultados das e dos investigadores ou ben tendo en conta toda a súa traxectoria ou ben só os datos referidos concretamente ao ano 2019.

Posto por campo de coñecemento

Atendendo á listaxe que valora toda a traxectoria da e do científico, nesta base de datos hai referenciados 2290 investigadoras e investigadores españois. De cada un deles pódese coñecer a súa posición a nivel mundial no seu campo científico. Así, da UVigo en Bioloxía Evolutiva David Posada está no posto 9 do mundo e Armando Caballero no 450; en Biotecnoloxía están Juan Carlos Parajó (posto 149 deste campo a nivel mundial), José M. Domínguez (423), Mª Ángeles Sanromán (639) e Gil Garrote (845); en Ciencias dos Alimentos están Jesús Simal (232), Herminia Domínguez (419) e Maurizio Battino (576); en Ciencias do Deporte Carlos Lago (298); en Agronomía e Agricultura Jorge Domínguez (309) e María Jesús Briones (896); en Ciencias do Comportamento e Psicoloxía Comparada Alberto Velando (416); en Fisiología José L. Soengas (473). En Bioloxía e Hidrobioloxía Mariña está Emilio Marañón (posto 599 deste campo a nivel mundial); en Ciencias Ambientais Ricardo Beiras (670); en Química Analítica Carlos Bendicho (690); en Nanociencia e Nanotecnoloxía Isabel Pastoriza (803) e Jorge Pérez (919); en Matemáticas Xerais Eduardo Liz (1005); en Enxeñaría Eléctrica e Electrónica Óscar López (1281), Jesús Doval (1436) e Alejandro G.Yepes (1524); en Sistema Cardiovascular e Hematoloxía está Ramón C. Hermida (1907); en Enerxía Andrés Feijóo (3199); e en Redes e Telecomunicacións Roberto López-Valcarce (2946). David Posada, Isabel Pastoriza e Jorge Pérez-Juste pertencen ao Cinbio; Ramón C. Hermida e Roberto López-Valcarce a atlanTTIc e José L. Soengas, Armando Caballero, Alberto Velando, Emilio Marañón,  Ricardo Beiras e Carlos Bendicho ao Centro de Investigación Mariña.

Nos datos xerais, xa sen ter en conta os campos de coñecemento, a participación da UVigo está liderada polo catedrático de xenética da UVigo David Posada, do que desde 1998 ata 2020 inclúese 149 papers e desde 1996 a 2019 58.921 citas. Así, sitúase no posto 633 do ránking xeral mundial (sen incluír autocitas), cun índice h de 47. A primeira muller da Universidade de Vigo que aparece nesta listaxe xeral é a profesora e investigadora da área de nanomateriais Isabel Pastoriza. No seu caso, os datos recollidos son que desde 1999 ata 2020 inclúese 147 papers e desde 1996 a 2019 13.915 citas. Así, sitúase no posto 95.265 do ránking xeral mundial (sen incluír autocitas), cun índice h de 58. O número total de citas do período 1996 a 2019 de investigadoras e investigadores da UVigo ascende a 183.171.

Atendendo aos datos de citas só do ano 2019, a fotografía de investigadoras e investigadores da UVigo que entran neste ránking amplíase coa incorporación de Francisco Pena, Francesca Giampieri, Claudio Cameselle, Marcos Curty, Alejandro Cabrera, José Fernández-Seara, Mohamed Boutinguiza, Andrés Moure, Juan Pou, Leandro R. Alejano e Adolfo Cordero, aos que se suman Moncho Gómez-Gesteira e Luis Gimeno, estes dous do Centro de Investigación Mariña. Nesta listaxe, que continúa encabezada por David Posada no caso dos membros da UVigo, as posicións nos respectivos campos de coñecemento sofren variacións, pasando por exemplo Carlos Lago a ser o primeiro do seu eido en España.

Sobre a presenza nesta listaxe, David Posada sinala como aínda que “hai unha tradición por facer ránkings” e que “está ben” medir o impacto da produción científica, apunta como “ao final o impacto é un número máis e o que hai que facer é ler os artigos dunha persoa para realmente entender a importancia deles”. Na súa opinión, a clave está na colaboración científica, apuntado como “quizais o que debiamos aprender de todo o que está pasando coa pandemia é que os científicos debemos de colaborar e preocuparnos por facer boa ciencia que sexa útil á sociedade”. Do mesmo xeito, Isabel Pastoriza comenta como na súa opinión, “que a Universidade de Vigo e o Cinbio aparezan neste tipo de ránkings ou bases de datos é positivo, porque son un indicativo máis de que o están facendo ben” pero apunta como “hai que darlle a importancia que teñen” tendo en conta que “o máis importante é facer investigación de calidade”.