2º ciclo de tradición oral “Falar por Falar”

Publicado por o día 08/11/2017 na sección de Cultura,Galicia,Pazos de Borbén

2º ciclo de tradición oral “Falar por Falar”

Por segundo ano a Concellería de Cultura do Concello de Pazos de Borbén a través da Biblioteca Pública Municipal celebrará un novo CICLO DE TRADICIÓN ORAL coa programación tódolos venres do mes de novembro de diversas actuacións a cargo dalgunhas das mellores contadoras de historias de Galicia.

Fátima Fernández, Sherezade Bardají, Soledad Felloza e Ana Carreira son as contadoras seleccionadas para esta 2ª edición coa que se pretende continuar homenaxeando ás nosas tradicións a través das historias de sempre que nos contaban os nosos antergos: contos e lendas tradicionais de arrepío, de medo, de morte, de mouras, de aparecidos, de alegrías, de penas, de ricos, de pobres, de animais, de mitoloxía…, co obxectivo de espertar a imaxinación e a emotividade con estas historias que nos conectarán cos nosos avós e tataravós e con aqueles lonxanos tempos nos que… había moito conto.

O 10 de novembro ás 20:00 horas terá lugar a actuación de Sherezade Bardají con “A noite nos ollos”.

“Unha cadeira, máis de dúas historias, e tres caixas de galletas. Invítovos a sentarvos, para escoitar, para ver e vivir un espectáculo de contos. Con algúns obxectos que non son o que parecen e algunhas historias que parecen o que son. En definitiva, un xogo de luces, un espellismo.”

Este ciclo de Tradición Oral está patrocinado pola Deputación de Pontevedra e a entrada e de balde ata completar aforo.