30 estudantes de centros pontevedreses buscan a súa clasificación para a XXX Fase Nacional da Olimpiada de Física

As probas celebraranse o vindeiro venres na Facultade de Ciencias do Mar
Por o 20/02/2019 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
30 estudantes de centros pontevedreses buscan a súa clasificación para a XXX Fase Nacional da Olimpiada de Física

Unha trintena de estudantes de 1º e 2º de Bacharelato e de 2º e 3º grao de Formación Profesional de preto de 20 centros da provincia de Pontevedra, daranse cita o vindeiro venres, 22 de febreiro, a partir das 16.00 horas, na Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo na Fase Local da Olimpíada de Física. Ao igual que sucederá nas outras tres sedes locais nas que se celebrarán as probas o vindeiro venres (Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña), da de Vigo sairán tres estudantes que participarán na fase nacional da olimpíada, que terá lugar en Salamanca do 26 ao 29 de abril. “Na fase nacional seleccionaranse os cinco estudantes que acudirán á fase internacional e tamén os catro que concorrerán á fase Iberoamericana”, explica José Luis Legido, coordinador da Fase Local da Olimpíada na Universidade de Vigo, que lembra que nas tres universidade galegas, como en anos anteriores, se realizará a mesma proba ao alumnado que concorre á olimpíada.

A Fase Nacional da Olimpíada de Física acada este ano a súa 30ª edición e coa súa celebración a Real Sociedad Española de Física pretende divulgar esta ciencia, promover vocacións entre o alumnado dos centros de ensino secundario e favorecer un ambiente socialmente favorable ao estudo das ciencias.

Éxito vigués na pasada edición da fase nacional

Cara á celebración o vindeiro venres dunha nova fase local da olimpíada, Legido agarda que se repita o éxito acadado a pasada edición cando Denís Arribas Blanco, estudante do IES Castro de Vigo acadou a terceira medalla de ouro na Olimpíada Nacional, celebrada en Valladolid entre o 13 e o 16 de abril de 2018. Este resultado permitiu ao estudante vigués representar a España na 49ª edición da olimpíada internacional, que tivo lugar en Lisboa en xullo do pasado ano.

Comentar noticia

Your email address will not be published.