300 módulos para compostaxe comunitaria en Monte Porreiro e Campolongo

A empresa Verdican faise co subministro por 137.940 euros e ten por diante un prazo de seis meses para completar a entrega
Por o 24/10/2017 | Sección: Galicia,Pontevedra
300 módulos para compostaxe comunitaria en Monte Porreiro e Campolongo

A aposta do Goberno local pola compostaxe sigue adiante, chanzo a chanzo, nun percorrido que non ten volta atrás. A Xunta de Goberno local ven de aprobar onte a adxudicación do subministro de 300 unidades modulares para compostaxe comunitaria nos barrios de Monte Porreiro e Campolongo a empresa Verdican SL por 137.940 euros. A empresa ten un prazo de seis meses para facer efectiva a entrega e da unha garantía de catro anos sobre o material.

Raimundo González, portavoz do Goberno local, explicou que a implantación dos composteiros nos dous barrios levan distinta velocidade. No caso de Monte Porreiro, nesta mesma semana comezarán os traballos de instalación das bases de formigón dos centros de compostaxe para, de seguido, proceder ao despregue das unidades modulares.

Campolongo vai un paso máis atrás pois inda está por rematar o estudo-mapa da ubicación idónea dos composteiros comunitarios no barrio. “Non se pode facer unha instalación ao chou” sinalou Raimundo González, quen lembra que, por exemplo, os composteiros non poden ocupar a rúa ou que hai que ter en conta que haxa ao carón un punto de auga ou espazo para o estruturante.

O Estudo de Residuos de Pontevedra, elaborado pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza, recolle no seu avance seguintes datos, básicos para a implantación do sistema alternativo de xestión e recollida de lixo en Monte Porreiro e Campolongo.

Monte Porreiro

  • Vivendas, 2.160, nas que residen arredor de 4.600 persoas
  • Residuos que xera o barrio, 1.776,80 toneladas/ano das que:
  1. -materia orgánica, 746,25
  2. -papel, 319,82
  3. -envases, 266,62
  4. -vidro, 106,61
  5. -outros, 337,59

Campolongo (ámbito está delimitado polas rúas: avenida de Vigo, Fernández Ladreda, Alfonso X O Sabio, Travesía de Luís Braille, Eduardo Blanco Amor, Xeneral Rubín e Augusto González Besada, praza de Galicia e Andrés Mellado)

  • Vivendas, 1.694 nas que residen arredor de 3.500 veciños
  • Residuos que xera o barrio, 1.351 toneladas/ano das que:
  1. materia orgánica, 567,47
  2. papel, 243,20
  3. envases, 202,67
  4. vidro, 81,07
  5. outros, 256,71

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.