31 de Outubro, folga de 24 horas no ferrocarril

Publicado por o día 31/10/2013 na sección de CGT,SF Intersindical,Sindicatos,Vigo

31 de Outubro, folga de 24 horas no ferrocarril

foto rolda de prensa 31.10.2013

 A CGT e Sindicato Ferroviario (SF-Intersindical) rexeitan e denuncian a PRIVATIZACION e o EXPOLIO que se está a facer co sector público ferroviario.

 O 27 de Setembro o Goberno do PP resolveu impoñer a división de ADIF en dúas empresas e a segmentación de RENFE en 4 Sociedades Anónimas deixando evidente que durante os meses de verán estivo preparando toda a documentación para ter liquidadas as dúas empresas públicas o 1 de Xaneiro de 2014, a pesar de que o fatídico accidente de Angrois puxo en dúbida o modelo segregador, entre outras, pola descoordinación que xenera a existencia de diferentes empresas, con intereses distintos.

Esta división non ten xustificación algunha mais aló de unha decisión política do goberno do PP que, igual que está a facer ca sanidade ca educación, ca dependencia, etc…, agora pretende privatizar o operador público ferroviario, RENFE-Operadora, para agasallar aos seus amigos, e agochar a deuda de 15.000 millóns que ten ADIF, motivado pola desmesura na construcción de liñas de Alta Velocidade.

 Non é certo que as directivas comunitarias obriguen a segregar a infraestructura e o transporte (permiten expresamente a existencia de empresas ferroviarias integradas). Tampouco obrigan a privatizar todo, ou parte, do Sector Ferroviario público de titularidade estatal. As estructuras de RENFE Operadora e ADIF axústanse, e incluso superan, as obrigacións de separación contable establecidas polas Directivas comunitarias e, de feito, iste modelo non foi imitado pola maioría de gobernos da UE, máis ben ao contrario, xa que paises como Francia ou Alemania recoñecen que o camiño correcto é reforzar e unificar as empresas públicas antes de ter que asumir o aumento da descoordinación entre as operacións de xestión da infraestructura e os operadores ferroviarios, a degradación do servizo, o encarecemento das tarifas e das aportacións e costes públicos que conlevan, a enaxenación total do patrimonio  público e, o que é máis importante, a perda alarmante na seguridade do transporte  que deriva nun incremento da sinistralidade.

Tanto ADIF como RENFE Operadora están a cumprir, na actualidade, cos obxectivos que fixa o goberno, e os seus traballadores e traballadoras, nos derradeiros anos, veñen multiplicado a sua productividade mentras os cadro de persoal de ámbalas dúas empresas estiveron a minguar de xeito importante polas externalizacions e a aplicación dos ERE voluntarios nos que non se cumpriu cas tasas de reposición pactadas.

A situación a que se enfrontan ameaza gravemente as condicións laborais e sociais e o futuro das ferroviarias e os ferroviarios que xa conforman unha das plantillas máis cativas das compañías públicas nos ferrocarris europeos, e nembargantes manteñen uns parámetros de productividade dos mais altos da UE en relación km de vía/ traballadores.

A entrada de multinacionais españolas e estranxeiras no accionariado das novas sociedades mercantís que se creen será para facer negocio o obter beneficios privados xestionando os corredoiros máis rentables, sin ter en conta a vertebración territorial e a cohexión social que ten como obxectivo un ferrocarril público, único garante do dereito a movilidade de toda a cidadanía.

Xa no derradeiro mes de xuño o goberno do PP limitou a consideración de servizo público a un numero determinado de trens, suprimindo circulacións e pechando liñas. As obligacións de servizo público (OSP) que impuxeron no parlamento español supuxo a supresión de 779 trens semanais de media distancia en todo o estado, a eliminación de parada de todos os trens en 172 estacións da rede ferroviaria estatal (non pecharon as estacions, pero nelas non para ningún tren), e noutras 163 estacions soio para un tren de ida e outro de volta ao día. A estimación de usuarios, sufridores contribuintes, afectados estimase en 1 millon de viaxeiros.

Agora, ca segregación que plantexa, o Ministerio de Fomento pretende PRIVATIZAR o Mantemento de Material (Talleres) e o Mantemento da Infraestructura (señales, comunicacións, vía, electrificación…), o trasego, as maniobras e o transporte de mercadorías (servizos loxísticos), o AVE, os corredores de Longa Distancia, o canal de venta e oficinas de información e atención ao cliente, CREAR FRANQUICIAS nos servizos subvencionables (trens de proximidade –cercanías-, e corredores de media distancia) a máis de REDUCIR SERVIZOS nas empresas que prestan servizos auxiliares como Cremonini, Comfersa, Ferroser, Eulen, Atendo, etc…

A primeiros deste mes de outubro o Adif xa agasallou a empresas privadas con unha das “xoias da coroa”, a fibra optica, licitando a xestion e a explotación por 450 millóns en 20 anos, algo que ten un valor no mercado 10 veces superior, e que agora mesmo o aluguer do sobrante xa nos estaba rentando 50 millóns anuais.

A división de ADIF e a segregación de RENFE son un ataque frontal contra os máis de 30.000 traballadores e traballadoras ferroviarias que compoñen as empresas públicas, así como un ataque sen precedentes a un modelo ferroviario equilibrado, social e vertebrador, que os cidadáns construímos co noso esforzo e que supuxo unha inversión de miles de millons de euros que pagamos, todas e todos, cos nosos impostos. O Ferrocarril do pobo é para o pobo.

Para acelerar o proceso do seu modelo privatizador o Goberno deseñou unha das catro empresas para facerse competencia a sí mesmo, e as novas empresas que constitúe: Renfe Viaxeiros S.A., e Renfe Mercancías S.A. A nova sociedade Renfe Aluguer de Material Ferroviario S.A. a dotan de trens, locomotoras e vagóns para alugar e, así, calquera outra empresa, con moi pouco capital societario, poderá poñerse a operar e a facerlle competencia as que inicialmente se constitúen con 100% de capital público.

O que o Goberno do PP pretende é agasallar á iniciativa privada con miles de millóns de Euros de investimento publico en infraestruturas ferroviarias, tanto en material e vías, coma en recursos humans e en tecnoloxía, co obxecto de que as multinacionais do transporte, os bancos e as grandes empresas privadas, poidan constituírse en operadores ferroviarios e explotar as liñas mais rendibles ou aquelas que reciben subvencións por considerarse de interese xeral, cedéndolles trens e infraestruturas. Isto supon O EXPOLIO DO SECTOR FERROVIARIO poñendo en mans de intereses privados, ate as axudas, que con criterios de servizo público, reciben agora RENFE Operadora e ADIF.

As políticas ferroviarias do Goberno do PP, terán unha repercusión especial na Galiza, xa que conta con unha das liñas mais “lambonas” para a iniciativa privada: O eixo Atlántico Vigo-Coruña.

Este corredor soporta o maior índice de ocupación das liñas rexionais de todo o estado, o material móvil acaba de ser renovado e o novo trazado, con doble vía electrificada, está xa en fase moi avanzada polo que, sen dúbida, será un dos tramos de Media Distancia que o Goberno pretenda ceder aos intereses privados. Isto levará parello un aumento do prezo do billete, (somente hai que ver o incremento dos prezos no corredor Coruña-Santiago-Ourense tras a inauguración dese novo corredor), unha redución dos estándares de calidade, de mantemento de seguridade e, moi probablemente, tamén de persoal. Primaran os aspectos económicos (dividendos) fronte aos de calidade e seguridade no servizo.

Queremos denunciar, públicamente, que RENFE está a negociar cos Sindicatos SEMAF, UGT e CC.OO. fora das mesas de negociación, (xa desconvocaron por duas veces as reunións da Comisión negociadora da que tamen formamos parte CGT e SFIntersindical) e dende aquí queremos facer un chamamento a reflexión a estas organizacions sindicais que xa votaran en contra da segregación no mes de xuño como membros do consello de administración de RENFE Operadora, e daquela acordamos, conxuntamente, facer unha fronte común para encarar esa decisión unilateral do goberno.

A máis, no caso de CCOO e UGT, tamen decidiron, no seo das súas organizacións, presentar comisión de conflictos, -paso previo a convocatoria de folgas-, ante a decisión do consello de ministros do 27 de Setembro, e non acadaron acordo, polo que non entendemos que agora mudaran a unha posición tan conservadora que só fai incrementar a incertidumbre entre os traballadores e traballadoras.

A CGT e o Sindicato Ferroviario dando continuidade as comisións de conflictos que presentamos e que terminaron sin acordo, en coherencia co plantexado, convocamos as folgas que se están a levar a cabo nestas datas no Sector Ferroviario, e que continuarán en Novembro con paros parciais todos os luns e venres de 7:00 a 9:00, de 15:00 a 17:00 e de 23:00 a 01:00 e con dúas novas xornadas de folga de 24h o 5 e 20 de Decembro.

Onte o Consello de Administración de RENFE Operadora aprobou continuar con desenvolvemento do proceso de constitución das novas sociedades que dan resposta ao acordo do Consello de Ministros do 27 de Setembro cando ainda non finalizou o período de consultas que marca o ET para a sucesión de empresas. Descoñecemos, todos e todas, o que se está a falar ao marxe das mesas oficiais de negociación polo que invitamos a UGT, CCOO, e SEMAF a reflexionar xuntos, a informar de xeito transparente as traballadoras e traballadores que ven perigar o seu futuro laboral e a acordar, conxuntamente, como defender, do mellor xeito posible, dende a unidade de acción o que é de todas e de todos e o que, sen dúbida, supón o maior ataque ao colectivo ferroviario na democracia.