O 3º Concurso Balbino de Relatos amplía a temática e premiará as mellores narracións sobre o rural, o mar e a emigración

O galardón está dotado con 1500 euros e a publicación do traballo gañador por Edicións Fervenza | O prazo de participación estará aberto ata o 30 de xuño
Publicado por o día 26/01/2018 na sección de Eventos

O 3º Concurso Balbino de Relatos amplía a temática e premiará as mellores narracións sobre o rural, o mar e a emigración

O Concurso Balbino de Relatos chega á súa terceira edición ampliando a temática dos traballos que poden concorrer a el ás do mar e a emigración, ademais da do rural recollida nas anteriores convocatorias. O galardón, que impulsa Técnicas & Gramaxe co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Fundación Xosé Neira Vilas, dos concellos de Vila de Cruces e Boqueixón e mais da Deputación de Pontevedra, ten como obxectivo promover a literatura escrita en lingua galega e apoiar tanto as escritoras e escritores noveis coma os xa consagrados.

“Este concurso é un exemplo de iniciativa cultural plural na que participamos tanto administracións coma otras entidades arredor dos motivos que consagraron para sempre a obra neiraviliana, un proxecto co que o pai literario de Balbino, sen dúbida, se sentiría moi honrado”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación. Participaron canda el na rolda de prensa o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez; o deputado provincial de Cultura de Pontevedra, Xosé Leal; e mais o responsable de Técnicas & Gramaxe/Edicións Fervenza, Manuel Núñez.


As autoras e autores que así o desexen, poderán presentar a este 3º Concurso Balbino de Relatos os seus textos orixinais, propios e inéditos (relatos ou serie de relatos) inspirados nas mencionadas temáticas ata o vindeiro 30 de xuño para concorreren a un premio único de 1500 euros e á publicación da obra por Edicións Fervenza.

Na súa primeira edición fíxose co premio o coruñés Xián Lois Alcayde Dans, pola obra Camiños na sombra, e na segunda o ourensán Ricardo Cid, pola obra De que falarán as árbores.