40 obras proxectan no Pazo da Cultura as sensibilidades dos novos graduados e graduadas en Belas Artes

A exposición poderá visitarse ata o 30 de setembro
Publicado por o día 07/09/2018 na sección de Universidade de Vigo

40 obras proxectan no Pazo da Cultura as sensibilidades dos novos graduados e graduadas en Belas Artes

“O traballo de fin de grao é a última proba tras catro anos de estudos, onde o estudante desenvolve un proxecto persoal no que condensa a súa aprendizaxe e os coñecementos adquiridos na carreira”, á vez que as súas “sensibilidades e intereses propios, que fan de cada proxecto unha experiencia artística única e orixinal”. Deste xeito define a profesora da Facultade de Belas Artes Loreto Blanco a esencia de Do final e do comezo, a exposición que desde este xoves reúne no Pazo da Cultura as obras que 40 novos graduados e graduadas en Belas Artes desenvolveron para os seus traballos de fin de grao. 40 obras que supoñen  unha representación das múltiples disciplinas que o alumnado aborda na súa formación, desde o debuxo, a pintura ou a escultura, á instalación, a animación ou o libro de artista, pero que tamén, lembra Blanco, comisaria da exposición, “desvelan os intereses creativos e artísticos desta nova promoción”.

A exposición que poderá visitarse no Pazo da Cultura ata o 30 de setembro foi inaugurada na tarde deste xoves pola decana de Belas Artes, Silvia García; a concelleira de Cultura, Carme Fouces; o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Manuel Morquecho, e pola comisaria Loreto Blanco. En alusión a un título que presenta á exposición como o final dunha etapa e o comezo doutra, García salientou o positivo de manter co Concello unha colaboración estable que dea cada ano ao alumnado a oportunidade de amosar as súas creacións nun momento que “supón un certo modo un punto de inflexión”, motivo polo que lembrou aos titulados e tituladas a importancia de “manter un compromiso co voso proxecto artístico”. A calidade dos proxectos seleccionados foi así mesmo posta de relevo tanto por Morquecho, que incidiu tamén na elevada porcentaxe de graduadas entre as seleccionadas, como por Fouces, quen animou ao alumnado a que manteña “ese pouso de creatividade ao longo de toda a vida”.

Unha xeración definida pola diversidade

Constituída por unha selección dos traballos defendidos a finais do pasado curso, na que se primou a calidade dos proxectos e a busca dunha “representación de todos os departamentos e disciplinas”, Do final e do comezo serve tamén como representación “de intereses diversos, como diversas son as sensibilidades que os producen”, lembrou Blanco, quen salientou tanto a calidade como o alto número de traballos presentados á convocatoria aberta para a para realizar esta selección. “Así, podemos ver desde grandes cadros a pequenas e íntimas teas bordadas, desde esculturas texturadas e orgánicas a sobrias xeometrías, desde papeis con debuxos xigantescos a libros que recollen xestos en pequenos espazos de papel, desde instalacións etéreas a instalacións realizadas con fragmentos de espazos habitados, cargados de novos e múltiples sentidos”, engadiu a comisaria, quen incidiu tamén na ampla representación da fotografía, disciplina coa que o alumnado mira ao corpo, aos obxectos ou a natureza. En conxunto, Do final e do comezo representa “toda unha diversidade de modos e maneiras de falar” dunha nova xeración de artistas, “que tamén ten puntos en común como achegarse ao mundo desde unha realidade moi íntima, desde visións moi particulares”, á vez que supón tamén para estes graduados e graduadas“a súa primeira experiencia profesional, en canto a que están visibilizados nun espazo moi digno, pero tamén á hora de aprender a situar a súa obra nun espazo como o do Pazo da Cultura”.

Proxección e currículo

“Ser escollida para estar neste sitio, que é espectacular, é un orgullo”, salientaba Sandra Varela, unha das participantes nunha mostra que lle permitiu tamén “poder ver como funcionaba fóra da facultade” o seu traballo de fin de estudos, unha instalación na que simula a súa habitación e na que tenta “trasladar ao espazo físico tanto o propio cuarto como o mundo virtual”, a través de pezas inseridas na obra como, por exemplo, unha axenda na que foi escribindo cada a día todo o historial de navegación. “Paréceme unha oportunidade bastante importante, en primeiro lugar porque estásenos visibilizando aos propios estudantes na cidade e nun espazo moi ben habilitado”, engadía nese mesmo senso Oliver Alonso, quen articulou para o seu traballo de fin de grao unha obra interactiva na que un guante de realidade aumentada permitía interactuar, a través dun circuíto de fotosensores, coa representación dun corpo, reproducindo mesmo “a sensación de que o estás tocando”; un proxecto que dadas as características da mostra “reduciuse a algo expositivo”, substituíndo esa posibilidade de interacción por vídeos e notas extraídas do proceso da obra. Do mesmo xeito, a proxección e a achega que a exposición supón para o currículo foron tamén salientados por Sol Mussa Juane, quen exhibe no Pazo da Cultura unha serie de obras que parten do seu uso da pintura sobre materiais preexistentes, como neste caso un atlas, carteis de cine e páxinas de xornal, elementos nos que a pintura “eliminaba os obxectos que había debaixo e deixaba outros que entre eles creaban tamén novas historias”.