4200 estudantes estrean a ABAU na Universidade de Vigo

Tras a primeira proba, as futuras universitarias e universitarios comprobaron que o modelo de exame “non cambiou”
Por o 07/06/2017 | Sección: Universidade de Vigo
4200 estudantes estrean a ABAU na Universidade de Vigo
Compartir en:

4209 estudantes enfróntanse dende este mércores á nova selectividade na Universidade de Vigo. Dende hoxe e ata o venres estrean o novo modelo de probas de acceso á educación superior, as ABAU, examinándose, cando menos, de cinco materias obrigatorias e dalgunha máis se o que buscan é subir nota. Aos nervios habituais destas probas sumouse este ano a incerteza de non saber exactamente a que ían enfrontarse, pois son a primeira promoción de secundaria en realizar o novo modelo de probas e, aínda que estes días escoitaron por todas as vías posibles que os cambios con respecto ás PAU son mínimos, a inquedanza non comezou a baixar ata pasado o primeiro exame.

No campus de Vigo 2290 mozos e mozas comezaron esta decisiva fase para o seu futuro académico repartidos entre e a Escola de Enxeñería de Telecomunicación (615) e as facultades de Filoloxía e Tradución (547), Ciencias Económicas e Empresariais (593) e Bioloxía (535). No caso de Ourense examínanse 896 estudantes, 291 deles na Facultade de Dereito, 247 na de Ciencias Empresariais e Turismo e 358 na de Historia. Finalmente, o campus de Pontevedra recibiu 1023 futuros universitarios e universitarias, dos cales 566 se examinan na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e 457 na Escola de Enxeñaría Forestal.

Boas sensacións no campus de Vigo

Tras o exame de Lingua castelá e literatura, o primeiro do día, o alumnado que hoxe se enfronta a ABAU no campus de Vigo amosábase moi esperanzado coas sensacións, tal como explicou Brais Fernández, alumno do IES Castelao de Vigo, que, aínda que admitiu “andar un pouco xustiño de tempo, espero obter unha boa nota”. Outras, como Paula San Millán, do mesmo instituto, estaban encantadas coa parte de Literatura porque “o Modernismo era o que quería que me preguntaran”. En canto aos últimos cambios lexislativos, Irene Sánchez, do IES do Castro, apuntaba que “agora mesmo, polo que fixemos, non notei cambio entre a antiga PAU e a ABAU. Os contidos e os modelos de exame son moi similares”.

Os itinerarios que teñen previsto escoller tras esta proba son moi dispares. Brais quere estudar “Arte Dramático e non necesito selectividade, pero xa que fixen bacharelato e saquei bos resultados decidín probar sorte”. Ao seu carón as súas compañeiras Irene Sánchez e Andrea Iglesias explican que elas optan por Química, “e coa media de bacharelato que temos esperamos non ter ningún problema”. Pola súa banda, Kelly Míguez está decidida a estudar Enxeñaría Aeronáutica porque, aínda que a nota esixida é alta, “espero obter bos resultados na ABAU”. Están tamén as e os que cambian de opinión a última hora como Paula San Millán que agora quere “estudar Filoloxía Inglesa, pero comecei o curso pensando en Medicina; de feito, estou no bacharelato de ciencias”.

Nervios que deron paso á concentración en Ourense

Tamén no campus de Ourense o alumnado comezou os exames cos nervios que sempre caracterizaron o arranque das probas de acceso á universidade. Porén, pasado o primeiro exame, os estudantes xa rebaixaron o nivel de tensión para intentar dar o mellor de si mesmos. “A tensión que tiñamos antes de entrar na aula desapareceu ao concentrarnos no exame e ver que era máis fácil do que pensabamos”, explicaba Andrea Silva, do IES O Couto, á saída da primeira proba. “Levamos estudado moito, oxalá saia todo ben”, desexaba esta estudante, que aspira a matricularse no grao de Administración e Dirección de Empresas no mesmo centro no que hoxe comezou a facer as ABAU. “O primeiro exame saíume bastante ben, a verdade. Non era para tanto como dicían”, salientaba tamén Xosé Saavedra, alumno do IES O Couto. Co desexo de volver á Universidade de Vigo en setembro para cursar Educación Primaria, este estudante lembraba a tensión vivida antes da realización do exame e ao longo de todo o curso xa que “practicamente non soubemos o temario ata hai dous meses”.

Acompañando ao alumnado dos seus respectivos centros e vivindo tamén con certos nervios o arranque das probas, tamén estaban este mércores no campus de Ourense os docentes procedentes de cada instituto. Entre eles atopábase Rafael Gómez. “Parece que o primeiro exame foi moi ben en xeral, case todos escolleron a opción B”, salientou o profesor do IES O Couto no descanso da mañá. Preparar estas probas de acceso “sen coñecer ata principios de abril exactamente en que consistían”, engadiu, xerou “moito nerviosismo entre o profesorado e tamén entre o alumnado”. “Ao final non cambiou moito a cousa pero estivemos coa incerteza todo o ano”, dixo Rafael Gómez.

Mirando cara o futuro en Pontevedra

A actividade tampouco faltou en Pontevedra, sobre todo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e na Escola de Enxeñaría Forestal, dous centros marcados nesta xornada por un ir e vir de apuntamentos, conversas e uns nervios, que, como recoñece Uxía Piñeiro, fóronse reducindo tralo primeiro exame. “Tiñas unhas expectativas de que quizais foran difíciles os exames”, recoñece esta alumna pontevedresa, que agarda lograr nesta ABAU as cualificacións precisas para retornar en setembro ao campus como estudante da Facultade de Fisioterapia. Tamén podería volver á Xunqueira dentro duns meses María Lois, que se debate entre o grao en Ciencias de Actividade Física e do Deporte e o de Administración e Dirección de Empresas e quen tralo primeiro exame recoñecía que “pensas que vai ser máis complicados dos que son”. Nunha liña similar pronunciábase a súa compañeira Nuria García, quen apuntaba que “no instituto sempre íamos xustas de tempo e aquí sobrounos” ao tempo que recoñecía tamén a incerteza que lles provocou ao longo do curso a substitución do antigo selectivo por estas novas probas. “Salvo en matemáticas, que engadiron un bloque máis, non houbo moitos cambios na maioría das materias, pero non soubemos que entraba en cada unha ata moi tarde, polo que estabas coa intriga de se terías que estudar máis cousas”, apunta.