5 preguntas a Serafín Otero, candidato BNG

Publicado por o día 20/05/2015 na sección de 5 Preguntas,BNG,Entrevistas

5 preguntas a Serafín Otero, candidato BNG

NOTICIAS VIGO: Bos días Serafín Otero, un pracer contar coa súa participación e que nos dediques uns minutos para realizarche 5 preguntas como vimos facendo aos cabeza de lista nestas próximas eleccións municipais. 

Nesta primeira pregunta e que repetimos cos demais líderes, gustaríanos coñecer, que é o primeiro que realizará o BNG de ser o partido máis votado nas próximas eleccións?

SERAFÍN OTERO: De ter que escoller unha soa primeira medida sería implantar a gratuidade do autobús para as persoas desempregadas de longa duración e sen recursos, xa que responde perfectamente a nosa intención de devolverlle o Concello ao pobo poñendo os problemas reais da veciñanza por diante.

NOTICIAS VIGO: As enquisas non dan moi bos resultados ao BNG en Vigo, cres que lastrou ser a chave de goberno de Abel Caballero, sobre todo no seu último mandato?

SERAFÍN OTERO: Ao longo da precampaña e do que vai de campaña o que constato cada día é un maior apoio e receptividade cara ás nosas propostas. Hai moitas gañas en Vigo dun cambio de rumbo. De mudar as políticas e as maneiras. De deixar dun lado as políticas de escaparate dos últimos catro anos e sermos un territorio libre dos recortes que a dereita está a impor. O BNG-Asembleas Abertas presentámonos a estas eleccións con ideas e propostas, pero tamén cunha equipa completamente renovada. Unha candidatura que está composta case na súa totalidade por activistas dos movementos sociais, do feminismo, do sindicalismo.

Xente comprometida, que durante anos estivo na rúa e que agora quere levar esa indignación ao Concello para a converter en políticas transformadoras, en políticas a favor da xente. Novas persoas, moitas delas independentes, e con enerxías renovadas para cambiar Vigo.

NOTICIAS VIGO: Despois dos conflitos en Coia, o alcalde acusou os manifestantes de ser un par de alborotadores da CIG, chegando a dicir que todo a custa de gañar uns poucos votos para o BNG. Despois de tales declaracións, en caso de ser decisivo o BNG para que renove mandato por 4 anos Caballero, que faría o BNG?

SERAFÍN OTERO: O conflito provocado pola decisión unilateral de Abel Caballero, contra a maioría do pleno e de costas á veciñanza de Coia, de instalar o Bernardo Alfageme nunha rotonda é a mellor expresión do que temos que cambiar en Vigo. Impor unha decisión reprimindo á veciñanza, utilizando a policía local como a súa garda pretoriana particular, é intolerábel en democracia. Por iso os vigueses e as viguesas poden estar completamente seguras de que votar ao BNG-AA o próximo 24 de maio vai ser un voto polo cambio, si ou si. Un voto que porá fin ás políticas inútiles dos últimos catro anos e un voto que volverá a cortar o paso ao Partido Popular. Un voto a favor da participación cidadá, para que a veciñanza opine e decida.

NOTICIAS VIGO: PP e PSOE centran a súa campaña en enfrontarse por Peinador e o “antiviguismo” proclamado por Caballero cara ao goberno da Xunta.

Parece que a estratexia ao alcalde non lle vai nada mal e xerou auténticos fanáticos, calándolle a súa mensaxe. Que parecer sostén o BNG sobre o aeroporto? E que opina sobre a actitude do alcalde incitando ao enfrontamento entre galegos? A día de hoxe é máis sa a rivalidade entre Depor e Celta que entre os concellos de Vigo e A Coruña.

SERAFÍN OTERO: O BNG apostamos de maneira decidida por Peinador. O aeroporto é unha infraestrutura esencial. Pero sabemos que o futuro de Peinador pasa pola súa articulación nun sistema aeroportuario galego, coordinando esforzos coas outras terminais galegas e aproveitando as nosas especifidades. Por dicilo claro, da disputa entre Peinador, Lavacolla e Alvedro só sae beneficiado o Sá Carneiro.

Pero necesitamos tamén unha aposta estratéxica para desenvolver ao máximo o noso aeroporto. Por iso, o BNG vimos demandando a actualización e posta en marcha do Plan Director do aeroporto, a mellora dos servizos que presta e da súa conexión coa cidade e coa rede de transporte, e tamén medidas como a ampliación das súas pistas para duplicar o número de operacións. Peinador poténciase con medidas concretas como esas e con campañas de promoción, non facendo do aeroporto unha bandeira para facer partidismo.

E sobre o confronto hiperlocalista que padecemos, é evidente que con esa lea vailles moi ben a PP e a PSOE, pero moi mal á cidade. O BNG partimos dunha idea clara, sermos vigueses e viguesas é o xeito de sermos galegos e galegas en Vigo. Non queremos ser unha pequena e illada cidade-estado, queremos ser a cidade que lidere o noso país, o seu motor económico e industrial. Vigo non é patrimonio dunha persoa nin dun partido. Con esta lea Caballero cre que gaña votos, pero a cidade perde oportunidades, porque serve de coartada para que Goberno español, Xunta e Deputación (as tres administracións en mans do PP) continúen a ter abandonada a cidade.

NOTICIAS VIGO: Xa para rematar con esta 5ª pregunta non sen antes agradecerlle a súa participación, gustaríanos dedicar a pregunta ao uso do galego. Por experiencia persoal, como pode un vigués de 30 anos cursar estudos obrigatorios e secundarios e non poder escribir no seu blog ou falar con facilidade a súa propia lingua?

Tamén pola parte que nos toca, gustaríanos comentarlle a discriminación lingüística de Google ao galego. Debido ao veto do Concello de Vigo a este medio co que non colabora, o noso único modo de manter Noticias Vigo é a través dos ingresos publicitarios. Cada vez que publicamos unha noticia en galego, Google non mostra ningún anuncio. Coñece se dende o grupo parlamentario do BNG se está a traballar neste tema para que incorpore o galego a todos os seus produtos? Obrigan deste modo a centos de blogueros a escribir en español aínda que lles gustase utilizar o galego se queren monetizar os seus blogs.

SERAFÍN OTERO: Para nós, como nacionalistas, a posta en valor e a promoción do noso idoma e tamén da nosa cultura é algo fundamental. O retroceso que se ven rexistrando no uso do galego, sobre todo entre a mocidade, fai indispensábel que o Concello se implique o de cheo na súa promoción, con campañas que o visibilicen. Cremos que un excelente xeito de o facer é precisamente apostando pola nosa cultura, pola creación artística no noso idioma. Fronte aos atrancos como que ti comentaches de Google o mellor instrumento é a sensibilización social, estimular e seducir para que a xente pase ao galego e tamén despregar medidas para permitir algo tan básico como que os e as galego falantes poidamos vivirmos plenamente no noso idioma, tamén en Vigo. O primeiro paso é dar cumprimento á ordenanza municipal que estabelece o galego como idioma propio do Concello.

NOTICIAS VIGO: Moitas grazas pola súa participación Serafín Otero e sorte nos próximos comicios electorais.