5 de Xuño, día do Medio ambiente: “A Ruta do Consumismo”

Publicado por o día 02/06/2017 na sección de Amigos da Terra,Medio Ambiente,Vigo

5 de Xuño, día do Medio ambiente: “A Ruta do Consumismo”

O vindeiro Luns, 5 de xuño, celébrase o Día mundial do Medio ambiente, e con esta data preténdese homenaxear ao planeta no que vivimos e recordar á poboación a necesidade de protexelo.

A nivel local, Amigos da Terra vai celebrar este día organizando unha actividade de sensibilización sobre as consecuencias ambientais dos nosos hábitos de consumo. Baixo a denominación “A Ruta do Consumismo” realizaremos un percorrido polas rúas do casco vello da cidade de Ourense, e no que participaran o alumnado de dous centros educativos o IES San Mamede de Maceda e o centro EPAPU de educación e promoción de adultos de Ourense.

Nesta ruta interpretativa do consumismo poderase coñecer, ao longo de diferentes paradas nas proximidades de diferentes establecementos comerciais, os problemas asociados a catro tipos de produtos de consumo moi habitual entre a mocidade e adolescentes: Alimentos, Roupa, Cosméticos e Equipos electrónicos.

Na parada destinada aos alimentos os alumnos coñeceran impactantes datos e poden reflexionar sobre as relacións entre a produción de determinados alimentos e a deforestación que acontece noutros países a miles de quilómetros de distancia, así como sobre os residuos químicos (pesticidas e abonos) que permanecen na nosa comida sen que sexamos conscientes deles.

Respecto aos cosméticos teñen a ocasión de coñecer varios dos ingredientes sintéticos e químicos que absorbemos pola pel e os riscos que representan sobre a saúde, mentres que na parada en relación á roupa se explicase a longa viaxe que debe facer unha peza dende a súa confección ata as tendas onde a mercamos, pondo atención nas problemáticas condicións do traballo e impactos ambientais que se suceden ao longo deste percorrido.

Para finalizar hai ocasión de debater sobre a cara oculta do consumo dos equipos electrónicos, falando sobre os impactos da súa fabricación e do desexo da súa rápida substitución ao que a publicidade nos empurra ou tamén sobre a obsolescencia programada e a problemática da recuperación e reciclaxe de residuos electrónicos.

Con esta actividade preténdese concienciar os participantes sobre a necesidade de implicarse, a través da adquisición duns hábitos de consumo máis xustos e responsables, contribuíndo así á preservación dos recursos naturais e ao desenvolvemento dunha sociedade máis xusta, solidaria e respectuosa co medio.

Día 5 de xuño

Lugar:

– Parque de San Lázaro – Parada de autobus diante da Subdelegación do Goberno ás 11 horas
– Praza do Ferro ás 11:30 horas