50 voluntarios do Concello traballarán esta fin de semana nas Illas Cíes

O voluntariado municipal no arquipélago suma 1.000 participantes ao longo de 2016 que realizan tarefas de protección, conservación e sensibilización, segundo informou o alcalde que destaca a “presenza permanente” do Concello nas Cíes
Publicado por o día 01/09/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

50 voluntarios do Concello traballarán esta fin de semana nas Illas Cíes

O voluntariado municipal no arquipélago suma 1.000 participantes ao longo de 2016 que realizan tarefas de protección, conservación e sensibilización, segundo informou o alcalde que destaca a “presenza permanente” do Concello nas Cíes. 

Mañá sábado partirá dende a cidade un grupo de 50 voluntarios municipais para pasar a fin de semana desenvolvendo diferentes accións no arquipélago. Segundo explicou Abel Caballero, acometerán tarefas de repoboación e transplante de especies autóctonas, eliminación de especies exóticas invasoras, limpeza de espazos públicos, sensibilización de visitantes sobre a importancia da conservación e o respecto pola flora e a fauna e colaboración en proxectos de conservación e investigación.

No que vai de ano, o voluntariado en Cíes acumula case 1.000 persoas en quendas de cinco días ou de fin de semana, unha cifra que tamén se acadou no acumulado do ano 2016 polo que “o estamos superando”.

Abel Caballero puxo en valor o dispositivo municipal que vela pola seguridade e atención cidadá nas Illas Cíes durante a época estival que ten unha “presenza permanente para atender aos visitantes”. No tocante á presenza policial, está operativa unha Unidade de Costa e Praia pola mañá e outra pola tarde con dous axentes especializados por quenda, mentres na fin de semana son 3 os axentes que realizan un servizo dobre tarde-noite. Ademais, o Concello responsabilízase do servizo de salvamento nas Illas con 5 socorristas acuáticos (3 en Rodas e 2 en Figueiras, unha enfermeira, un auxiliar de primeiros auxilios en Rodas e 2 voluntarios de Protección Civil.