500 amantes dos videoxogos e unha fin de semana por diante para divertirse

É a sexta edición dunha cita que cada ano medra en participación e programación
Publicado por o día 04/05/2018 na sección de Eventos,Universidade de Vigo

500 amantes dos videoxogos e unha fin de semana por diante para divertirse

A sexta edición da xa tradicional “quedada” informática do campus de Ourense, que nesta edición leva por nome ICC Technium R Encounter, foi inaugurada este venres no pavillón de deportes universitario. Por diante está toda unha fin de semana na que 500 amantes da tecnoloxía e sobre todo dos videoxogos estarán as 24 horas do día conectados cos seus equipos para xogar, compartir material, para interacionar e sobre todo para divertirse. A cita cumpre un ano máis enmarcada nesta ocasión na programación da cuarta edición da Ourense ICC Week, que organiza a Deputación de Ourense, e contando co patrocinio de R.

A iniciativa, organizada pola Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Vicerreitoría do campus, desenvolverase ata o domingo día 6 de maio. Edgar Ruíz, en nome da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática, quixo agradecer a patrocinadores, organización e voluntariado o apoio recibido nunha edición da que salientou “estamos moi contentos pola cantidade de participantes”, xa que as 500 prazas ofertadas esgotáronse moi pronto. Pola súa banda, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, fixo ficapé tanto no feito de que a cita está organizada por alumnado do campus como no feito de que “ano a ano vén medrando”. “Estamos moi orgullosos”, destacou Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, cuxo alumnado se encarga da organización do evento.

Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, salientou nesta inauguración como a ICC Technium R Encounter ten “o sitio ideal nesta fábrica de talentos” como é o campus de Ourense. O presidente do órgano  provincial salientou como esta cita amosa “que se poden facer moitas cousas conxuntamente” para desenvolver o potencial da provincia, lembrando a aposta da ICC Week “pola cultura, a innovación e as novas tecnoloxías”. Pola súa banda, Alfredo Ramos, director xeral de R, salientou como a súa entidade participa no financiamento desta e doutras quedadas informática porque “compartimos os seus valores de innovación, participación e creación”, amosando o seu desexo de potenciar a ICC Technium R Encounter ourensá o vindeiro ano.

Videoxogos e eSports

A ICC Technium R Encounter conta con catro grandes torneos de videoxogos, concretamente de League Of Legends, Counter Strike Global Offensive, Hearthstone e Super Smash Bros Brawl e entregará 4000 euros en premios de torneos. Os 500 postos dispoñen de acceso á rede do campus de Ourense dun xiga, que é distribuído por R aos diferentes postos onde as persoas inscritas instalan os equipos que traen dos seus domicilios. Ademais conta con zonas nas que os participantes poden durmir e descansar ao longo da fin de semana. Entre as persoas que xa estaban este venres instalados cos seus equipos estaban Irene Rico, estudante ferrolá de Educación Primaria na Universidade de Vigo, e Héctor Niqui e Diego Fernández, estudantes dun ciclo superior de Informática en Ourense, que acudían por primeira vez a esta cita. “Tiñamos moitas ganas de vir e este ano animámonos. Está xenial”, comentaban mentres xogaban xa en liña con outros participantes na ICC Technium R Encounter.

A cita ten nesta edición unha sección chamada ICC eSports na que se disputarán competicións de FIFA 18, Clash Royale e GT Sports, podendo participar xente de fóra da ICC Technium R Encounter. O torneo de Clash Royale dividirase en varias modalidades, sendo unha delas un torneo profesional invitacional por equipos no que se darán cita os mellores clubs a nivel estatal, como Valencia CF Esports, Giants, Movistar Riders, Teamqueso, Artic Gaming ou Team Heretics, e no que se repartirán máis de 4000 euros en premios. O torneo de FIFA 18, no que participarán 128 persoas, terá como premios para o primeiro clasificado unha PlayStation 4, para o segundo un mando de PlayStation 4, e para o terceiro unha tarxeta PSN de 20 euros. No torneo de GT Sports poderán participar 32 persoas e os premios deste torneo serán un Thrustmaster T-GT para o primeiro, unha tarxeta PSN de 50 euros para o segundo, e unha tarxeta PSN de 20 euros para o terceiro clasificado.