61 escolares mosenses de sexto de Primaria, rumbo a Leitariegos en viaxe de fin de ciclo organizada polo Concello

A iniciativa atópase incluída na programación anual para os colexios organizada dende a concellería de Educación
Por o 14/02/2018 | Sección: Galicia,Mos
61 escolares mosenses de sexto de Primaria, rumbo a Leitariegos en viaxe de fin de ciclo organizada polo Concello

O concelleiro de Educación mosense, Camilo Augusto, acudiu esta mañá a despedir aos escolares dos colexios de Mos que viaxan á estación de esquí de Leitariegos (León) grazas á iniciativa incluída na programación escolar anual organizada pola concellería de Educación. 61 rapaces e rapazas de sexto curso de Educación Primaria dos distintos centros educativos do Concello, partiron en autocar dende o Multiusos das Pozas a primeira hora desta mañá cara a Leitariegos, acompañados polos monitores da empresa Ayuko Aventura (especializada neste campo) e polo edil mosense Óscar Soto.

O total de nenos que viaxan este ano á neve son 61, fronte os 57 do ano pasado (primeira vez que se levaba a cabo a iniciativa).

Sobre esta actividade o concelleiro Camilo Augusto declarou que “dende a concellería de Educación, na procura do noso obxectivo de participar activamente na formación integral dos nenos e nenas do noso municipio e, dentro da oferta de actividades complementarias dentro do horario escolar, quixemos organizar de novo este ano, ante o éxito acadado na edición anterior, a actividade lúdico-deportiva dunha excursión de 3 días á neve para o alumnado do último curso de Educación Primaria”.

Esta viaxe leva anos organizándose dende a concellería de Participación Cidadá para a xuventude con moito éxito e, o ano pasado, fíxose como experiencia piloto para os nenos/as de 6º de Primaria a modo de actividade de fin de ciclo, acadando gran satisfación entre os/as participantes.

A actividade deste ano realízase dende hoxe 14 de febreiro ata o venres 16 de febreiro. Os rapaces participantes dispoñen de Forfait tres días, alugamento do material de esquí (casco, esquís, botas e bastóns) tres días tamén, clase de esquí con 1 monitor cada 10 alumnos, equipo de animación na viaxe, control no esquí libre en pista e outras actividades lúdicas.

O Concello de Mos organiza outras dúas viaxes á neve dende a concellería de Participación Cidadá, que dirixe a edil Julia Loureiro, unha á estación de San Isidro para a mocidade mosense, e outra a Leitariegos tamén, para as familias de Mos, incluída no programa municipal Ocio en Familia.

A viaxe a Leitariegos para familias realizarase dende o venres 9 de marzo ata o domingo, día 11 do mesmo mes, e o prazo de inscrición atópase xa aberto, rematando o 5 de marzo.

 A excursión a San Isidro para a xuventude levarase a cabo os días 2, 3 e 4 de marzo. O prazo de inscrición para os interesados/as en participar permanecerá aberto ata o 26 de febreiro.

 

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.