O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Consellería de Cultura e Turismo aporta máis de 661.300 euros a 38 establecementos turísticos da provincia co obxectivo de que poidan realizar melloras de accesibilidade, innovación ou aforro enerxético.
O delegado territorial ofreceu esta rolda de prensa acompañado do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, xa que este municipio é o que conta con máis prazas hoteleiras de toda Galicia, 7.445, o que supón un 13,5% do total (54.690 distribuídos en 906 hoteis).
Ademais, é precisamente Sanxenxo, o municipio que verase máis beneficiado por estas axudas, que permitirán levar a cabo obras como a modernización de pechaduras, a supresión de barreiras arquitectónicas, a mellora das climatizacións, a instalación de ascensores, a mellora da imaxe ou o recubrimento de fachadas. En Sanxenxo concedéronse un total de 21 axudas que ascenden a 306.770 euros.
O Grove, con 7 axudas; Vigo con 4; Poio e Vilanova de Arousa con 2 establecementos cada un, e Bueu e Tomiño con un, completan a lista de concellos con hoteis, cámpings ou apartamentos turísticos que contarán con estas subvencións. “En total, o Salnés beneficiarase de 30 axudas o que ven a demostrar a importancia que o turismo ten para a economía desta comarca”, explicou Cores Tourís.
Deste xeito, a meirande parte das axudas, un 54%, se concentran na provincia de Pontevedra, mentres que máis dun 66% das subvencións se destinan á mellora de hoteis, aínda que tamén acadan ao turismo rural, pensións, cámpings, apartamentos e albergues. En total, esta liña de axudas destina 1,2 millóns de euros que beneficiarán a 70 establecementos e mobilizarán 4 millóns de euros.
Cores Tourís recordou que, segundo os datos que manexa a Consellería de Cultura e Turismo, o número de hoteis galegos medrou máis dun 8% na última década, pasando dos 839 establecementos rexistrados no 2009 aos máis de 900 que existen na actualidade. Deste xeito, os hoteis concentran o 69% da demanda turística da Comunidade, é dicir, que de cada dez pernoitas que realizan os turistas, sete teñen lugar en hoteis.
Ao longo deste tempo, o número de turistas aloxados en establecementos hoteleiros aumentou un 23%, pasando de 3,4 en 2009 a case 4,2 en 2018. Ademais, a cifra de pernoitas que realizaron estivo preto dos 8,5 millóns, o que supón unha suba do 13,7%.
No que respecta á oferta por concellos, Sanxenxo é o que acumula un maior número de prazas hoteleiras seguido de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e O Grove. Por outra banda, o indicador que mide as prazas hoteleiras por cada 100 habitantes amosa que o municipio cunha maior oferta en relación á súa poboación é Mondariz-Balneario, debido “ao pulo do turismo termal”.
O delegado territorial incidiu no feito de que estes datos reflicten o “peso específico” do sector hoteleiro na nosa economía. En concreto, na provincia de Pontevedra cóntase cun total de 407 hoteis, dos cales 3 son de 5 estrelas, 43 de catro e 77 de tres. Isto permite ofrecer un total de 25.780 prazas para visitantes. “Os nosos establecementos turísticos seguen a traballar ano a ano por mellorar as súas instalacións, por modernizarse e, deste xeito, ofrecer o mellor servizo a aqueles que optan por Pontevedra como o seu destino vacacional. Queremos agradecerlles así que aposten permanentemente pola mellora da calidade e da competitividade”.
“Esta é tamén a aposta decidida da Xunta de Galicia, en especial, tendo en conta a chegada do Xacobeo 2021, un gran reto no que seguimos a traballar intensamente”, engadiu José Manuel Cores Tourís. “O Goberno autonómico continúa apostando por un turismo vencellado á calidade e á excelencia, así como á profesionalización e á mellora da competitividade do sector e favorecendo que os nosos viaxeiros queden máis tempo na Comunidade, realicen un maior gasto e xeren máis riqueza”.
A este investimento presentado hoxe para a mellora de establecementos turísticos, compre sumar un millón de euros adicional que a Consellería de Cultura e Turismo xa investiu o pasado 2018 en axudas a 54 empresas do sector para acometer actuacións de melloras en infraestruturas de establecementos turísticos de aloxamento de toda Galicia. Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria habilitou, como parte do programa Reforma Tur, 3 millóns de euros dirixidos a 500 establecementos. En conxunto, desde 2018 o Goberno galego está a colaborar coa renovación de uns 625 establecementos cunha partida de 5 millóns de euros.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.