A 7ª edición dos Premios Incuvi convoca os proxectos máis emprendedores

As e os aspirantes ao programa de preincubación deberán superar unha selección en tres fases
Por o 12/12/2017 | Sección: Economia,Empresas,Universidade de Vigo
A 7ª edición dos Premios Incuvi convoca os proxectos máis emprendedores

Un proceso de selección en tres fases, que inclúe unha entrevista persoal, un obradoiro de ideas e unha presentación ante unha comisión, é novidade da 7ª convocatoria dos Premios Incuvi-Emprende da Universidade de Vigo, cos que a institución académica persegue o fomento de espírito emprendedor entre o seu estudantado e persoas egresadas. Ata o 19 de xaneiro de 2018, tanto as e os alumnos da Universidade de Vigo que estean a cursar algún grao, mestrado e doutoramento, como as persoas tituladas no curso 2014/2015 ou posteriores, poderán presentar as propostas coas que concorren ao concurso de ideas, que lles proporcionará, caso de gañar algún dos premios, un programa de preincubación dun ano de duración para converter os seus proxectos en empresas.

As propostas que se presenten ao concurso poderán ser elaboradas de xeito individual ou en grupos formados por un máximo de catro persoas e a súa temática deberá encadrarse nalgunha das ramas de coñecemento contidas nos plans de estudo da Universidade de Vigo: artes e humanidades; ciencias; ciencias da saúde; ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura.

Tres fases para seleccionar os proxectos gañadores

Os premios que se outorgarán nesta edición da convocatoria e que poderán chegar a un máximo de doce, número que se corresponde cos espazos ofertados nas preincubadoras de cada un dos tres campus da Universidade: seis en Cidade Universitaria no campus de Vigo; catro na Tecnópole en Ourense e dous na Asociación de Jovenes Empresarios en Pontevedra, consistirán na incorporación a un programa dun ano de duración, no que se desenvolverán actividades formativas e de asesoramento e titorización dos proxectos, así como a subvención, durante o mesmo período, dos custos de estadía nos espazos de traballo de cada campus.

“Por primeira vez, o proceso de selección dos proxectos gañadores desenvolverase en tres fases, que comezarán cunha entrevista persoal das e dos candidatos ante un panel de persoas expertas en emprendemento, coa finalidade de determinar o grao de implicación, a viabilidade da idea, así como a adecuación do proxecto á finalidade do programa”, explica Alejandro Martínez, director da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo. O panel de persoas expertas emitirá un informe individualizado de cada unha das entrevistas, que será valorado por unha comisión, que acordará unha proposta de proxectos que superan esta primeira fase. As iniciativas pre-seleccionadas terán acceso a un obradoiro presencial teórico práctico de catro horas orientado a desenvolver o modelo de negocio das súas ideas, así como á preparación dunha presentación dos proxectos ante a comisión de selección. “Na terceira fase do proceso, cada proxecto disporá de tres minutos para presentar ante a comisión de selección as liñas básicas dos proxectos empresariais, así como o resultado do traballo presentado para superar a segunda fase. Finalizadas as presentacións a comisión reunirase para determinar os proxectos gañadores”, detalla o director da Área de Emprego e Emprendemento.

Criterios de valoración

O carácter innovador do proxecto, así como o seu nivel de desenvolvemento e viabilidade; o nivel de implicación real das persoas emprendedoras e a configuración do equipo; a empregabilidade orientada á xestión da diversidade e a potencial creación de emprego e calidade, son algúns dos criterios que a comisión valorará para determinar os proxectos gañadores, que tamén deberán acreditar o seu potencial internacional, o aproveitamento dos recursos dispoñibles, a sustentabilidade, a responsabilidade social e a incorporación da dimensión de xénero. Ademais de elixir os proxectos gañadores, a comisión de selección poderá conceder mencións honoríficas a outras iniciativas que consideren de elevada calidade, que de ser o caso, a Vicerreitoría de Estudantes, podería determinar que utilicen os espazos de coworking existentes nalgúns dos tres campus, e/ou a súa incorporación ao programa de formación e mentorización.

A 7ª edición dos Premios Incuvi-Emprende conta coa colaboración, por primeira vez, da Xunta de Galicia, que se suma á Zona Franca de Vigo, Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra, Tecnópole e Cidade Universitario.

 

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.