8 de Marzo en Cangas do Morrazo

Recoñecemento a Fina Acuña Graña, á que se lle dedica este 8 de marzo de 2018
Por o 08/03/2018 | Sección: Cangas,Galicia
8 de Marzo en Cangas do Morrazo

O Consello Municipal de Igualdade reunido o 24 de xaneiro no concello de Cangas decidiu por unanimidade das persoas que o compoñen dedicar este 8 de marzo de 2018 a Fina Acuña Graña para recoñecer o seu labor na loita polos dereitos de saúde das mulleres da comarca e polo seu traballo como Fundadora e Presidenta de Adicam.

Fina nace en Cangas o 26 de setembro de 1968. No ámbito laboral, traballou por conta allea e tamén por conta propia. Nun primeiro momento, enfoca o seu traballo no eido da hostalería, para posteriormente iniciar un proxecto de emprendemento abrindo o seu comercio de zapatería infantil.

No ano 2000 en medio dun proceso de cancro de mama, decide iniciar un proxecto asociativo para dar resposta activa ás persoas afectadas. Así convoca diferentes reunións na casa da cultura para expoñer a súa idea e motivar coa súa tesón a diferentes persoas e profesionais nesta particular singradura.

O 21 de xaneiro de 2001 bota a andar Adicam xunto con Begoña, Tere, Vanesa, Loli, Isabel, Mariví e Fina en primeira liña e con 40 persoas asociadas evolucionando e crecendo ata chegar na actualidade a rondar as 1000. As súas metas eran as de axudar a persoa que pasa polo tratamento e a súa familia, promocionar a prevención e a detección precoz.

Segundo ela mesma dicía “ocurriuseme crear unha asociación para dar luz a todo o negro, para dar truquiños para mellorar a calidade de vida , para axudar e quitar o tabú que había naquel momento”

Transformar o concepto de paciente polo de axente de cambio, crear un recurso que non existía, no que informar, acompañar, no que facer chegar propostas de mellora aos servizos hospitalarios a nivel provincial, sobre todo, no referente ao trato, á intimidade e a comodidade das persoas afectadas, xa que a parte emocional era fundamental para ela. Unha oportunidade para traballar en saúde fomentando actividades de lecer , de formación, de investigación, culturais e asistenciais.

Na procura dos dereitos das mulleres, no ámbito da saúde, os obxectivos de traballo foron os de dar apoio emocional e orientar as mulleres , fomentar o seu desenvolvemento e o crecemento persoal e a súa autoorganización para acadar unha mellor calidade de vida.

Fina tivo dous fillos, Adrián e Manuel, pero definía Adicam como o terceiro dado que estivo ao frente da Presidencia durante 15 anos. Como ela mesma relataba levo a etiqueta de Adicam na miña vida normal, pero non é unha carga, porque nós somos mulleres moi emocionais que o movemos todo.

Muller afable e afectuosa, humilde e optimista, conciliadora e loitadora cunha perenne sonrisa foi quen de xerar unión e tecer unha rede de persoas diversas que mobilizan a toda unha comunidade.

Fina Acuña Graña é unha desas mulleres visibles e socialmente valoradas polo seu traballo que forma parte da Historia de Cangas como un claro referente dentro do movemento asociativo.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.